A Xunta Electoral: a autoridade descoñecida polo gran público que máis ordena nas eleccións

A sede da Xunta Electoral da Coruña é a Audiencia Provincial, agora situada na antiga fábrica de tabacos CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta Electoral Provincial da Coruña ordenou a mediados de outubro retirar campañas que o Goberno galego tiña en marcha nos medios de comunicación por consideralas electoralistas. A mesma Xunta Electoral atendeu recentemente un recurso do partido Vox contra o plan de cobertura da CRTVG para as eleccións xerais do 10N e ordenou darlle espazo na información sobre a campaña e mais no debate electoral da televisión pública. Pero, quen é a Xunta Electoral e como se elixe?

As xuntas electorais están compostas maioritariamente por xuíces e xuízas; para eleccións coma o 10N en Galicia rexen catro xuntas provinciais e vinte e sete de zona

O funcionamento e composición das xuntas electorais está regulado pola lei electoral dende 1985, no capítulo de dedicado á administración electoral, e encoméndalles "garantir a transparencia e obxectividade do proceso electoral" e mais o "principio de igualdade" para participar nela. Tanto no caso da Xunta Electoral Central como nas xuntas electorais autonómicas, provinciais e de zona, estes órganos están compostos fundamentalmente por persoas procedentes do mundo xudicial cunha ampla marxe de manobra sobre o desenvolvemento das campañas e dos propios comicios.

No caso galego, alén da Xunta Electoral de Galicia -que rexe para os comicios ao Parlamento-, en eleccións como as xerais deste 10N rexen catro xuntas electorais provinciais e vinte e sete xuntas electorais de zona. As súas sedes son instalacións xudiciais e o nomeamento da maioría dos seus membros depende dos órganos de goberno do poder xudicial.

Urnas nun colexio electoral nas xerais do 28a CC-BY-SA EC

Os vogais xudiciais son elixidos por sorteo no Consello Xeral do Poder Xudicial

Así, por exemplo, as xuntas electorais provinciais teñen cinco vogais e deles, tres son maxistrados ou maxistradas da Audiencia Provincial de cada provincia que o Consello Xeral do Poder elixe por sorteo entre todos os seus membros. As restantes dúas persoas deben ser, por lei, "catedráticos e profesores titulares de Dereito ou de Ciencias Políticas e Socioloxía" ou "xuristas de recoñecido prestixio residentes na provincia". Os seus nomes poden ser propostos "conxuntamente polas candidaturas" que concorren ás eleccións en cada provincia e "se dita proposta non ten lugar antes do comezo da campaña", a designación corre a cargo da Xunta Electoral Central.

A composición actual das catro xuntas provinciais galegas

Na actualidade, os membros das xuntas electorais provinciais galegas de procedencia xudicial foron nomeados o pasado marzo e os non xudiciais, o pasado abril. A Xunta Electoral Provincial da Coruña, á que lle corresponde decidir sobre cuestións como o plan de cobertura da CRTVG para as eleccións xerais, compóñena os maxistrados Alejandro Morán Llorden, Ángel Judel Prieto e Julio Tasende Calvo, a letrada María José Casal e a profesora da UDC Luz María Puente Aba.

Os vogais non xudiciais das xuntas provinciais proceden na actualidade da avogacía e da universidade; algúns deles tiveron cargos políticos

En Lugo, os membros da Audiencia que integran a Xunta Electoral son José Antonio Varela Agrelo, José Manuel Varela Prada e Darío Antonio Reigosa Cubero. Os membros non xudiciais son Luis Lamas, avogado, ex-presidente de Sogama e antigo concelleiro do PP en Lugo -entre outros cargos- e a tamén avogada María Novo, ex-concelleira do PSdeG. 

En Ourense os xuíces que integran a Xunta Electoral son na actualidade Antonio Piña Alonso, María José González Movilla e Ana María del Carmen Blanco Arce; completan o órgano o avogado Ramón Pérez Nóvoa e a procuradora e ex-concelleira socialista Mónica Vázquez. En Pontevedra, os vogais xudiciais son Jacinto José Pérez Benítez, Jaime Esain Manresa e Francisco Javier Romero Costa; os postos non xudiciais son para juan Carlos Abeigón Vidal, avogado, e Francisco José Torres Pérez, profesor de Dereito da Universidade de Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.