-
Chega o cara a cara entre Sánchez e Feijóo
O debate entre Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo pode seguirse en RTVE e outros medios privados, que emitirán o sinal da Academia de Televisión y de las Ciencias y Artes del Audiovisual, cuxa presidenta, María Casado, será a encargada de moderar o cara a cara a partir das 22 horas.
-
Enésimo cuestionamento de Feijóo á eutanasia: "Fronte a un PP desatado, o PSOE garántea"
"Esa modificación pode ser unha derrogación total ou parcial? Por suposto", di o ex-presidente sobre os seus plans para a lei de eutanasia se logra gobernar tras o 29N. O candidato do PP volve cuestionar as garantías da norma, que el mesmo asinou como presidente e, como na campaña de 2023, mestura outra volta este dereito cos coidados paliativos. "Pasa de prometer mellorar a lei a admitir a intención que derrogala, son o mesmo que Vox", advirte Besteiro. Seguir lendo
-
Pontón e Rodil, no mitin do BNG en Lugo flanqueadas por Brenda González, candidata ao Senado; e Rubén Arroxo, voceiro local CC-BY-NC-SA BNG O BNG pon Lugo no albo para o 29N co "efecto Rodil"
O Bloque asegura estar a ler na provincia lucense un escenario con posibilidades para lograren escano por primeira vez e impregna nesta atmosfera o seu mitin central na cidade da Muralla con Ana Pontón e a cabeza de cartel, que apela a electorado que "votou outras forzas políticas en anteriores eleccións" e "quere que Galiza e Lugo conten": "Non imos fallar". Seguir lendo
-
Derradeiro día para pedir o voto por correo
Hoxe, 19 de novembro, finaliza o prazo para solicitar o voto por correo nas eleccións xerais do día 29. Pódese pedir presencialmente nas oficinas de Correos ou no seu web. Dende o día 9 Correos está a remitir as papeletas ao electorado que solicitou participar por esta vía con cadanseu certificado de inscrición censual.
O prazo para enviar o voto postal está aberto -agás ampliacións de última hora- ata o día 25. Na propia xornada electoral, as papeletas emitidas por esta vía mestúranse nos colexios electorais con todas as demais. Nas xerais de 2023 o voto por correo disparárase en Galicia ata duplicar as da anterior convocatoria (2019), ata superar as 146.000 nun contexto marcado polas datas nas que se celebraran os comicios, en pleno verán.
-
Verónica Martínez Barbero, coordinadora e portavoz de Sumar, ante a acampada en defensa da vivenda na praza do Obradoiro tras a entrevista con Praza.gal CC-BY-SA Praza Pública ENTREVISTA
"A experiencia que temos de goberno non se suple con deputados, a Fronte Ampla é o verdadeiro voto útil"
Coordinadora de Sumar tras ser directora xeral de Traballo con Yolanda Díaz, Verónica Martínez Barbero aspira a revalidar escano o 29N pola Fronte Ampla, agora por Madrid pero sentíndose "vencellada á política galega e con futuro na política galega". Seguir lendo
-
Sánchez e Feijóo, en mitins dos últimos días sobre unha imaxe do plató do debate CC-BY-NC-SA Fotos: PSOE | PP | Academia TV Cara a cara... Decisivo?
A axenda electoral de PSOE e PP vén marcada polo debate televisivo que enfrontará esta noite a Pedro Sánchez con Alberto Núñez Feijóo. Organizado pola Academia de Televisión, aos xeito dos que mantiveran Rajoy e Zapatero en 2008, Rajoy con Rubalcaba (2011) e o propio Sánchez (2015) e con varias formacións en 2016 e 2019, comezará ás 22:00 e durará dúas horas baixo a moderación da xornalista María Casado, presidenta da entidade organizadora.
As principais canles de ámbito estatal (RTVE, Antena 3, laSexta, TeleCinco, Cuatro, La Séptima) ofrecerán o debate ao vivo acompañado de cadanseu programa especial. Especifica tamén a Academia que a FORTA, a federación que agrupa as televisións públicas autonómicas, "confirmou a emisión" igualmente, se ben arestora non figura na grella publicada pola Televisión de Galicia para este xoves en ningunha das súas dúas canles.
Só existe un precedente de debates televisivos entre Sánchez e Feijóo, o organizado por Atresmedia na campaña das xerais de 2023, no que o ex-presidente negara datos clave dos seus gobernos en Galicia e os atribuíra a asesores do líder do PSOE e candidato á reelección como presidente do Goberno de España. Diversas análises ligan máis a posible transcendencia do debate deste 19 de novembro a outros de hai máis de tres décadas, os mantidos por Felipe González e José María Aznar en Antena 3 e Telecinco na apertadísima campaña de 1993, que culminara co PSOE revalidando o Goberno contra prognóstico.
- Política Ao vivo
Dez días para o 29N e un ollo na tele