Primeira fin de semana de campaña cara ao 29N

CC-BY-NC-SA Praza.gal
  • Mitin do BNG en Tomiño, este sábado CC-BY-NC-SA BNG

    Pontón chama a "concentrar no BNG o voto de país e inconformista" e lamenta que Feijóo "só se acorde de Galiza" nas eleccións

    A portavoz nacional do BNG chamou este sábado durante un mitin en Tomiño a "concentrar" na formación soberanista "o voto de país e inconformista". "Temos que facernos valer e precisamente isto é o que nos xogamos o próximo 29 de novembro, que Galiza se faga valer no Estado", esgrimiu Pontón en compaña de Carme da Silva, cabeza de cartel por Pontevedra, de quen afirma que !será unha magnífica deputada, igual que foi unha magnífica senadora e unha magnífica concelleira en Pontevedra".

    O Bloque celebraba este acto mentres en Santiago o PP celebraba o seu mitin central con Feijóo, unha "visita" qeu a xuízo de Pontón o ex-presidente "podía aforrar", porque "as súas políticas son ben coñecidas: triplicar a débeda, recortar sanidade, educación e dependencia e deixar tirada a xente deste país dinamitando a política de vivenda". Agora, lamenta, o ex-presidente "só se acorda dos galegos e galegas para pedir o voto" cando "nin el nin o seu segundo, Miguel Tellado, falaron nin unha soa vez de Galiza nas Cortes".

  • Besteiro, o alcalde de Foz e membros das candidaturas do PSdeG lucense, nun encontro con pensionistas este 14 de novembro CC-BY-NC-SA PSdeG

    Besteiro pide á poboación pensionista "concentrar o voto" no PSOE para evitar "a motoserra"

    O secretario xeral do PSdeG xuntouse este sábado con pensionistas en Foz para advertir da, ao seu xuízo, necesidade de "situar as pensións no centro do debate electoral do 29 de novembro" especialmente na provincia lucense, "onde estas prestacións representan o 30% dos fogares". "O 29N tamén vai disto, de decidir se optamos por quen fortalece o sistema de pensións ou se entra a motoserra, os que recortan as pensións", sinala.

    Neste sentido, Besteiro resalta que dende a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno de España "a pensión media de xubilación pasou de arredor de 1.000 euros a superar os 1.500, cunha suba constante ligada ao IPC que foi acompañada do reforzo do sistema público e do seu Fondo de Reserva. "Que queren facer outros? Pois evidentemente xa o dixeron, queren recortar", advirte nun contexto no que, di, a "elección é entre dous modelos" e "calquera outra opción" que non sexa o PSdeG, que di "respectar como demócrata", non vai "servir para frear os recortes"

  • O Ensanche coruñés e Recimil, en Ferrol, son mostras da correlación entre renda e comportamento electoral CC-BY-NC-SA Praza.gal

    Os barrios ricos votan máis (e apoian á dereita), os pobres abstéñense: así inflúe a renda nas eleccións

    Nos últimos comicios xerais de 2023 a participación nas seccións censuais con máis renda nas cidades galegas foi 12 puntos superior ás seccións con menor poder adquisitivo. Ademais, nesas áreas máis ricas gañou a dereita, mentres que a esquerda se impuxo por máis de dez puntos nas zonas con rendas medias e baixas. Seguir lendo

  • Feijóo e Rueda, no mitin do PP no Multiusos Fontes do Sar CC-BY-SA PPdeG

    "O que necesita Galicia pedino desde a Xunta e fareino como presidente de España", proclama Feijóo en Santiago

    No mitin central do ex-presidente en Galicia na campaña das xerais, Rueda transloce o temor dos populares a Vox e preséntao como "salvapatrias que veñen de fóra" fronte aos que di que o PPdeG segue a representar "á maioría dos galegos". A ex-conselleira Fabiola García, candidata pola Coruña, preguntouse "quen contribúe máis", se "un colombiano, un dominicano ou un venezolano" que traballou no día de folga "ou os piquetes da CIG que querían romperlle o local". Seguir lendo

  • Membros de Fronte Ampla na área de servizo da AP-9 no Burgo (Culleredo) CC-BY-NC-SA FA

    Fronte Ampla promete "rematar o traballo" por unha "AP-9 galega e gratuíta"

    Fronte Ampla promete "impulsar a nacionalización" da AP-9 se participa do vindeiro Goberno de España. Nun acto ao pé da Autoestrada no Burgo (Culleredo), o voceiro da formación, Paulo Carlos López, e membros das candidaturas a Congreso e Senado resaltan a necesidade de "sinalar os responsables políticos de que a cidadanía galega siga pagando peaxes: José María Aznar, Manuel Fraga e Alberto Núñez Feijóo". Advirten, asemade de que a respecto do traspaso das competencias, unha vez aprobada a lei acordada por PSOE, BNG e Sumar "agora lle toca á Xunta chegar a un acordo" nun contexto no que, prometen, "imos rematar o traballo" de lograr unha "AP-9 galega e gratuíta", din.

  • Besteiro, en Lugo coa número dous do PSdeG e membros das listas electorais na provincia para o 29N, este 13 de novembro de 2026 CC-BY-NC-SA PSdeG

    O PSdeG busca recuperar o segundo deputado por Lugo e advirte dos riscos de Vox

    Un dos obxectivos da campaña do PSdeG cara ao 29N está na provincia de Lugo, onde aspira ás claras a recuperar o segundo escano dunha circunscrición que reparte catro, pero onde nas xerais de 2023 o PP logrou tres. "Concentrar o voto progresista no PSdeG" é "útil" na provincia, advertiron nun mitin en Burela a cabeza de cartel ao Congreso, Patricia Otero, e o primeiro aspirante ao Senado, César Mogo, porque a marxe para llo arrebatar aos populares é de apenas 5.000 votos.

    "O sentido común da cidadanía lucense", resaltou Mogo, pode ser calve para "dar continuidade ás políticas que melloran a súa vida diaria e rexeitar os retrocesos da dereita e da ultradereita de PP e Vox". Horas antes, na cidade de Lugo, Otero e Mogo iniciaron campaña na cidade de Lugo con José Ramón Gómez Besteiro, para quen a suposta "sona de bo xestor" de Feijóo se "contradí totalmente" precisamente coa "historia recente da provincia" lucense a base de  "investimentos millonarios dilapidados que remataron en proxectos industriais fracasados"

  • Mitin do BNG en Pontevedra no serán deste venres CC-BY-NC-SA BNG

    O BNG pon o foco no escano de Pontevedra e ironiza coa "esperanza" dun presidente galego no Estado: "Tómannos por parvos?"

    O BNG elixiu Pontevedra para o primeiro mitin de gran formato da campaña. Na cidade do Lérez a formación evidenciou que un dos focos da carreira electoral é volveren lograr nas urnas un escano pola circunscrición pontevedresa, que obtiveron por última vez nas xerais de 2011.

    Canda a cabeza de lista pola provincia, Carme da Silva, e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, Ana Pontón chamou a "concentrar no BNG o voto que ten a Galiza na cabeza e no corazón para darlle máis forza a este País, o voto das persoas que queren avanzar en dereitos e que reclaman unha vida digna". Ironizou asemade a líder nacionalista co "intento do PP de vender que a gran esperanza para Galiza é un goberno de Feijóo" para "ter un presidente galego na Moncloa". "Ou nos toman por parvos ou pensan que non temos memoria ou as dúas cousas", sostén para advertir que a anterior experiencia, co "presidente galego Rajoy", trouxo consigo resultados como "vetar dúas veces" a transferencia da AP-9 ou "recortes nos servizos públicos".

  • Mitin do PPdeG na Estrada, este 13 de novembro con Martínez-Almeida CC-BY-SA PPdeG

    O PP preséntase como antídoto ao "odio" o 29N co "madrigallego" Martínez-Almeida como convidado

    En vésperas da primeira fin de semana de campaña, que este sábado ten como acto central do PP un mitin con Feijóo en Santiago, os populares galegos presentáronse como antídoto ao que a secretaria xeral da formación, Paula Prado, sinala como "odio e as mentiras do sanchismo e os seus socios". Fixérono acompañados do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, convidado dos populares en varios eventos ao longo do venres, dende un paseo pola Coruña, onde tras reivindicarse como "madrigallego" dixo augurar que Miguel Lorenzo será o vindeiro alcalde, ata un mitin na Estrada para pechar a xornada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.