As Escolas de Insiño Galego foron unha iniciativa lanzada polas Irmandades da Fala en 1923. Naceron na Coruña co impulso decisivo de Ánxel Casal, que exerceu como director e mestre no primeiro destes centros, o masculino, que abriu as súas portas en abril de 1924 no número 17 da praza de María Pita. O feminino, que ía estar encabezado por Elvira Bao, non chegou a funcionar.
A Semente e o Concello da Coruña homenaxean como "exemplo de galeguización educativa, renovación pedagóxica e laicidade" as escolas impulsadas polas Irmandades da Fala ás portas da que foi a súa primeira sede, na praza de María Pita
Alí mesmo, un século despois, un acto impulsado polas Escolas Semente coa colaboración do Concello coruñés contribuíu este 23 de abril de 2024 a manter viva a memoria daquel proxecto educativo, laico e en galego promovido polo que foi gran editor do galeguismo, alcalde de Santiago, impulsor do primeiro Estatuto e tamén vítima mortal dos golpistas en 1936. Unha placa no lugar, que actualmente acolle a sede da Fundación Paideia Galiza, lembra dende agora a primeira sede da iniciativa, que se desenvolveu ata 1930, cando non puido seguir adiante por mor das dificultades económicas.
Santiago Quiroga, coordinador das escolas Semente; o catedrático de historia da Educación Antón Costa e mais Tiago Abal, en representación do alumnado da Semente, interviron xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, nun acto que o goberno local empregou tamén para "reivindicar o carácter galeguista" da cidade. "A nosa identidade, como urbe sempre aberta, foi berce do máis fondo e verdadeiro galeguismo", enxalzou a rexedora.
A alcaldesa reivindica "o carácter galeguista" da Coruña: "A nosa identidade, como urbe sempre aberta, foi berce do máis fondo e verdadeiro galeguismo"
Unha representación d'Os Quinquilláns, as músicas de Cántigas da Terra e a condución de Xurxo Souto acompañaron un acto que é parte dun programa máis amplo promovido pola Semente. Entre as accións divulgativas destaca un sitio web temático e a produción dun documental.
"En tempos complexos que precederon os momentos máis escuros da nosa historia recente, o galego fíxose un oco no noso ensino e na nosa cidade grazas a esta escola", evocou a alcaldesa, que como Quiroga e o resto de participantes lembrou non só a figura de Casal. Tamén as achegas doutras persoas como María Miramontes, Elvira Bao e diversos membros das Irmandades da Fala, que botaran a andar tamén na cidade.
"As Irmandades da fala instituíron neste predio a Escola e Ensino Galego", lembra xa para a posteridade a placa descuberta este martes. As escolas irmandiñas foron "exemplo de galeguización educativa, renovación pedagóxica e laicidade", resalta.