- 🟪🟧🟦EN VINTE | VINTE almorzando con Elena Ferro
- 🟪🟧🟦EN VINTE | De Ninghures: «A nosa música axuda a que a xente diga "que guapa é a miña cultura"»
A artesá zoqueira volve abrir a súa casa este 13 de setembro para acoller a Eferro Foliada con músicas como as das Faíscas da Pontragha, Budiño, Treixadura ou De Ninghures
O traballo da artesá zoqueira Elena Ferro é recoñecidísimo. Dende o seu taller en Merza (Vila de Cruces) deu unha volta ao labor artesán da súa familia para levar a outra dimensión cultural e comercial os zocos de toda a vida cun labor que leva recibidos abondosos recoñecementos da clientela e tamén institucionais.
Ese traballo baixo a marca Eferro ten nos últimos anos unha extensión musical e festiva a través dad Asociación Cultural Zoqueira de Merza. A Eferro Foliada, cando a segunda fin de semana de setembro Elena Ferro abre as portas do seu obradoiro e mais a eira anexa para enchelos de música tradicional. "Un encontro popular que xa se consolidou como unha cita imprescindible no noso calendario cultural", resumen dende Deleite, patrocinadora do evento.
A cita deste 2025 celébrase este 13 de setembro e comeza contra a hora do vermú, a partir das 12:30, coas músicas das Faíscas da Pontragha e mais de Budiño (13:30). Continuará tras o xantar, polas 16:00, coas regueifas de Lupe e Nuria, Leti da Taberna, un obradoiro de iniciación ao baile solto con Chus Caramés e mais os concertos de Aleix Toxiño & D’Castela e As Lagharteiras.
A xornada en Merza (Vila de Cruces) "mestura cultura, gastronomía e convivencia veciñal"
Como adoito, as nenas e nenos terán un oco especial na Eferro Foliada. Coa actuación de Viravolta Títeres (16:00) e mais o obradoiro Eu son artesán de percusión tradicional da man de Sanín (17:00). Tamén un espazo de pintacaras da man de Sororas (18:00) nunha xornada que, destacan, "mestura cultura, gastronomía e convivencia veciñal" e na que non falta a polbeira.
Xa pola noite, o menú musical -avanzan- inclúe "unha sorpresa" tras a que chegarán os concertos previstos. Polo escenario de Merza pasarán Treixadura (21:00h) e De Ninghures (23:00h). A continuación, a fin de festa correrá a cargo das músicas picadas dende a caravana da Duendeneta.