A Galicia "en feminino plural" de Ruth Matilda Anderson, a debate na Academia

Ruth Matilda Anderson, na súa estadía en Compostela © Hispanic Society

O grupo de traballo Pensamento e ensaio da Real Academia Galega decidiu dedicarlle a Ruth Matilda Anderson o seu cuarto encontro anual, unha sesión aberta ao público que terá lugar este xoves 18 de xuño na Fundación Luis Seoane da Coruña a partir das 19 horas

Entre 1924 e 1926 a investigadora Ruth Matilda Anderson (Nebraska, 1893-Nova York, 1983) percorreu Galicia por encargo da Hispanic Society of America, retratando en imaxes a sociedade rural do tempo, especialmente as mulleres. Anos máis tarde, ademais, publicou Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña (1939), un dos máis exhaustivos ensaios sobre a Galicia de hai un século, unha obra que con todo ficou invisibilizada en Galicia nas décadas seguintes e que aínda non foi traducida (aínda que o fará en breve).

O grupo de traballo Pensamento e ensaio da Real Academia Galega decidiu dedicarlle a Ruth Matilda Anderson o seu cuarto encontro anual, unha sesión aberta ao público que terá lugar este xoves 18 de xuño na Fundación Luis Seoane a partir das 19 horas. O programa contará coa historiadora Ana Cabana, o fotoxornalista Brais Lorenzo e Alba Rodríguez Saavedra, autora do recente ensaio que reivindica o labor pioneiro da estadounidense non só como fotógrafa, senón tamén como ensaísta sobre a Galicia de hai un século e como a maior tradutora de Rosalía ata 1964.

Ana Cabana, Alba Rodríguez Saavedra e Brais Lorenzo participan na xornada © RAG

 O programa contará coa historiadora Ana Cabana, o fotoxornalista Brais Lorenzo e Alba Rodríguez Saavedra, autora do recente ensaio que reivindica o labor pioneiro da estadounidense non só como fotógrafa, senón tamén como ensaísta sobre a Galicia de hai un século

Organizado co apoio do Concello da Coruña, o foro continúa coa serie de encontros que o grupo Pensamento e ensaio da RAG iniciou en 2023. Estes espazos para a reflexión pública concibíronse co propósito de “contribuír a elaborar discursos alternativos, contrahexemónicos, sobre Galicia” e que vaian alén dos proxectos que contemplan Galicia “unicamente como terra que ser explotada polo extractivismo ou caracterizada de modo folclórico”, sinala a académica Marilar Aleixandre, coordinadora do grupo e mais da xornada Ruth Matilda Anderson: a ollada nas mulleres, que poderá seguirse tamén en directo en academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

Alba Rodríguez Saavedra, autora de Ruth Matilda Anderson: tradutora das marxes (Laiovento) e membro do grupo de Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo, afondará nos motivos que explicarían que a estadounidense permanecese á marxe do canon galego, segundo propón neste volume publicado coincidindo co centenario da segunda viaxe de Anderson a Galicia. “Traducir para visibilizar. A Galicia en feminino plural que reivindicou Ruth Matilda Anderson” é o título da súa intervención. 

A autora dialogará coa historiadora da USC Ana Cabana, que asina o limiar do ensaio de Rodríguez Saavedra; e mais a contribución do fotoxornalista Brais Lorenzo, quen participará co relatorio “Fotografía, memoria e territorio: un diálogo fotográfico con Ruth Matilda Anderson. Habitar o baleiro”. O programa inclúe tamén unha actuación musical  de Cantigas e Agarimos, fundada na Galicia dos anos 20 que coñeceu Ruth Matilda Anderson.

Anderson levou a cabo en dúas estadías que en conxunto duraron 18 meses o traballo de campo en Galicia que lle encargara a Hispanic Society: retratar a esencia dun mundo tradicional que co avance da industrialización comezaba a esmorecer. Nas última décadas recoñeceuse o seu labor como fotógrafa, pero Rodríguez Saavedra reivindica as múltiples facianas dunha investigadora. 

A xornada terá lugar este xoves © RAG

“Ruth Matilda Anderson presenta un libro que nos invita a vernos cos ollos do noso día a día. E este pecado de dirixir a mirada e a palabra cara ao cotián, como xa acontecera con Rosalía e Emilia Pardo Bazán, custoulle a Anderson o desterro ás marxes do nosos sistema cultural”

“Ruth Matilda Anderson presenta un libro que nos invita a vernos, a entendernos con outros ollos, cos ollos do noso día a día, de onde os grandes nomes propios decidiran excluírse para dedicarse á tarefas máis excelsas, quedando, por tanto, fóra do obxectivo de Anderson. E este pecado de dirixir a mirada e a palabra cara ao cotián, como xa acontecera con Rosalía e Emilia Pardo Bazán, custoulle a Anderson o desterro ás marxes do nosos sistema cultural”, expón.

Pola súa banda, Ana Cabana salienta a "invisibilización" que sufrira historicamente o traballo feminino e destaca que "a achega de Ruth Matilda Anderson axúdanos a revelar ese traballo feminino que estaba en todas as partes, e faino sen caer nos estereotipos”. “Amosou e defendeu a súa potencialidade económica. Cando visita e retrata as palilleiras, fala delas como dunha industria. Ata entón ninguén as vira desa maneira”, engade a profesora.

"A achega de Ruth Matilda Anderson axúdanos a revelar ese traballo feminino que estaba en todas as partes, e faino sen caer nos estereotipos”

Cen anos despois Brais Lorenzo segue dalgún xeito o ronsel de Ruth Matilda Anderson a través do proxecto xornalístico multiplataforma Habitar o baleiro, nado coa vontade de retratar a vida no rural de Galicia, e centrado ata o momento sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense. As súas fotografías dialogan con textos de diversas autorías para afondar nun mundo no que a presenza feminina segue a ter un peso especial, e que hoxe se nutre tamén de mulleres migrantes chegadas doutros países, apunta. 

“Interésannos as consecuencias que o abandono do rural ten, por exemplo, no medio ambiente, pero tamén queremos amosar o lado esperanzador e o que agroma, esas novas formas de habitar o rural en Galicia”, destaca o fotoxornalista, recentemente galardoado co World Press Photo pola reportaxe sobre a vaga de incendios en Galicia do pasado verán que titulou Terra queimada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.