A Semana do Cinema Galego leva ás pantallas da Coruña as gañadoras dos Mestre Mateo

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e Lucía Regueiro, membro da directiva da Academia Galega do Audiovisual, na presentación da edición 2026 da Semana do Cinema Galego © Academia Galega do Audiovisual

Do 7 ao 10 de abril poderán verse de balde na Coruña -no Teatro Colón e na Domus- oito películas, entre as que están as finalistas dos Premios Mestre Mateo, entregados hai uns días, nas categorías de mellor longametraxe de ficción e mellor documental

Un ano máis a cidade da Coruña acolle a Semana do Cinema Galego, o ciclo organizado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello que selecciona para a súa proxección en pantalla grande os mellores filmes do ano do país. Do 7 ao 10 de abril poderán verse no Teatro Colón e na Domus oito películas, entre as que están as finalistas dos Premios Mestre Mateo, entregados hai uns días, nas categorías de mellor longametraxe de ficción e mellor documental. O acceso ás proxeccións será gratuíto, con entrada libre ata completar capacidade.

As proxeccións estarán acompañadas por presentacións dos equipos dos filmes, que introducirán as obras e conversarán co público, convertendo cada sesión nun espazo de encontro co cinema galego contemporáneo. A programación da sétima edición da Semana do Cinema Galego foi presentada este mércores nunha rolda de prensa na que participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e Lucía Regueiro, membro da directiva da Academia Galega do Audiovisual.

O acceso ás proxeccións será gratuíto, con entrada libre ata completar capacidade. As proxeccións estarán acompañadas por presentacións dos equipos dos filmes, que introducirán as obras e conversarán co público

Inés Rey salientou o labor da Academia Galega do Audiovisual “na visibilización e impulso do audiovisual galego”, e destacou que a Semana do Cinema Galego “permite achegar á cidadanía os mellores traballos do ano en pantalla grande, consolidándose como unha cita cultural de referencia na cidade”. Pola súa banda, Lucía Regueiro puxo en valor “a oportunidade que ofrece esta mostra para ver en sala e en pantalla grande unhas producións pensadas para ser compartidas co público”, e subliñou a importancia de “crear espazos de encontro entre o cinema galego e a audiencia”.

Na súa pasada edición, a Semana do Cinema Galego reuniu unha media de arredor de 300 espectadores por xornada, reafirmando o interese do público polas producións galegas.

No Teatro Colón proxectaranse Sirât, As liñas descontinuas, San Simón e Antes de nós

A programación comezará o martes 7 de abril no Teatro Colón coa proxección de Sirât, de Oliver Laxe, ás 19 horas. A xornada completarase ás 21.00 h con As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns. O mércores 8 de abril, tamén no Teatro Colón, será a quenda de San Simón (19 horas), de Miguel Ángel Delgado. Ás 21 horas proxectarase Antes de nós.

Antes de nós, Sirât e As liñas descontinuas © Academia Galega do Audiovisual

Na Domus veranse Deuses de pedra, Ao son da nova regueifa, O silencio herdado e 360 curvas 

O xoves 9 de abril a programación trasladarase á Domus, onde se poderá ver Deuses de pedra (19 horas), de Iván Castiñeiras. Ás 21 horas será a quenda de Ao son da nova regueifa, de Manolo Maseda e Saúl Rivas. O venres 10 de abril, tamén na Domus, a xornada comezará con O silencio herdado (19 horas), de Lucía Dapena González Pechará a programación 360 curvas (21.00 h), de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, e Premio Mestre Mateo a Mellor Documental.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.