No ano 2018, tras un congreso de xornalismo de opinión sen ningunha muller entre unha ampla nómina de relatores, naceu en Pontevedra o encontro As mulleres que opinan son perigosas, co impulso de Diana López Varela e Susana Pedreira e o apoio do Concello e mais da Deputación. Media década despois e tras lograren manter o encontro durante a pandemia, o foro afronta neste 2023 a súa sexta edición con novas voces e, ao tempo, medra cun premio xornalístico de seu.
Os días 17 e 18 de marzo, e de regreso no Teatro Principal pontevedrés, "as mulleres que opinan" volven ser "perigosas" xuntando voces de medios e xeracións diversas. Analizando vertentes que van dende "a opinión centennial en clave local" con Alba Moledo Ucha, do Diario de Pontevedra, ata o activismo feminista en Instagram coa creadora Sindy Takanashi pasando por dilatadas e acreditadas traxectorias profesionais como as de Aida Pena e Rosa María Calaf.
Nuria Labari, María Guerra, Mara Torres, Antía Paz, Paloma Rando, Marta Peirano, Paula Montes, Laura Ferrero ou María Martín completan o programa dunhas xornadas que medran co I Premio de Xornalismo de Opinión As Muleres que Opinan son Perigosas. O certame, resalta Diana López, bota a andar coa intención de "engadir un chisco máis a ese mundo de opinión feita por mulleres" e non só por xornalistas. Poderá participar "calquera muller maior de idade cun texto de creación de seu, publicado ou non nalgún medio". Terá dúas categorías, unha en galego e outra en castelán, con cadanseus 1.000 euros de premio.
As xornadas volven xuntar xornalistas de medios e xeracións diversas. Aida Pena, Rosa María Calaf, Marta Peirano, Antía Paz ou Mara Torres, entre as relatoras do encontro que se celebrará o 17 e 18 de marzo no Teatro Principal pontevedrés
Para a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a realidade diaria dos medios en xeral e das seccións de opinión en particular acredita a necesidade de encontros coma este. Este mesmo luns, exemplificou Silva, "o 81,6% dos artigos escritos nos principais xornais de Galicia están escritos por homes e mesmo en dous non figuraba ningún asinado por unha muller". "Esta é a realidade do luns, do martes, do mércores... Malia haber mulleres potentísimas, grandísimas expertas en calquera cousa da que se queira escribir", resalta.
Nun sentido semellante, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, salienta que o perigo ao que alude o título o que tenta facer ver é que "as mulleres que opinan son imprescindíbeis", como "en todos os eidos da vida e da sociedade". Esta cita, explicita, "reivindica cuestións tan básicas como a posibilidade de ler e escoitar mulleres en todos os eidos" nun contexto no que "creo que se vai avanzando, quero ser positivo" e mostra disto, sinala, é "o traballo de mulleres como Susana Pedreira e Diana López".
O acceso ás xornadas é de balde. Pero, dada a previsión dunha ampla asistencia, dende a organización recomendan completar o formulario de inscrición para reservar praza.