'Run Baby Run' estréase este venres día 6 no Salón Teatro do CDG en Santiago, terá unha xira por Galicia e estará un mes en Madrid a comezos de ano
Unha atleta de Laza, que ademais é das primeiras mulleres que puido correr de peliqueiro, prepárase para participar nuns Xogos Olímpicos, e chega a unha encrucillada que nunca tería que atravesar un atleta masculino. O deporte e mais o entroido como escenario para contar unha realidade de discriminación que sofren algunhas mulleres. Run Baby Run estréase no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela, este venres 6 de outubro. Con esta obra, describe a directora teatral Jana Pacheco, "reflexionamos sobre como as mulleres que non teñen un corpo normativo son dobremente discriminadas".
Coincide no tempo a estrea desta peza teatral escrita por Fátima Delgado cun alzamento das deportistas profesionais para denunciar as discriminacións que sofren e que demasiadas veces quedan só nos vestiarios, non chegan á opinión pública. O sucedido tras a vitoria da selección española no campionato mundial de fútbol feminino e o movemento #SeAcabólograron poñer o foco nas condicións nas que as mulleres realizan actividades deportivas de elite, como tamén contaron as testemuñas de xogadoras do Real Club Deportivo sobre o trato nocivo vivido co seu adestrador.
A dramaturga Fátima Delgado asina esta peza na que unha atleta e a súa adestradora debullan unha experiencia de discriminación no deporte que para ambas é determinante
Fátima Delgado coñeceu as discriminacións de xénero das atletas mulleres, que non afectan aos seus compañeiros homes, a través da súa parella, o sociólogo do deporte Raúl Sánchez, que é asesor da obra. Para a dramaturga abriuse un mundo novo, era o ano 2017. “Pareceume que o deporte é un ámbito bastante pechado, que coñecemos moi pouco del realmente e a maioría a través dos medios de comunicación e que no caso do deporte feminino ponse o foco só cando hai polémica”, conta.
A directora escénica da obra, Jana Pacheco, que ten traballado moito sobre a xenealoxía de mulleres e dende o realismo máxico e ritual, únese ao proxecto no ano 2020. Xuntas buscan que a dramaturxia medre ata converterse na Run Baby Run que se pode ver en Compostela os días 6, 7 e 8 de outubro, terá unha xira galega e pasará un mes, do 22 de febreiro ao 24 de marzo de 2024, na sala Margarita Xirgú do Teatro Español de Madrid. O texto teatral de Delgado xa está dispoñible nas librarías, editado por Galaxia na súa colección de Teatro.
"Entendo o teatro tamén como un activismo feminista", asegura Fátima Delgado
“Foi unha aposta importante do Centro Dramático Galego e de Fran Núñez, o seu director, dende o principio. Non só pola temática, tamén porque está enmarcada no entroido e ten moito do realismo máxico galego”, salienta Delgado, quen agradece especialmente tamén o apoio da directora do Teatro Español, Natalia Menéndez, que se interesou pola obra e axudou a que puideran ensaiar a representación nas Naves del Español no espazo do Matadero, en Madrid.
A obra orixinal de Meninas Teatro e Proversus, en coprodución co CDG e o Teatro Español, é en galego e terá unha adaptación ao castelán, pero incluso nesta versión haberá escenas íntegras en galego porque –apunta a directora– “hai cousas do noso folclore que non as concibo en castelán”.
“Non é unha obra de teatro documental nin unha biografía de ningunha atleta en concreto, pero investiguei casos de atletas intersexuais como o de Caster Semenya. Resúltame moi importante, e así se comproba na miña traxectoria teatral, mostrar realidades descoñecidas de mulleres. O caso de Semenya foi bastante mediático, pero non traspasou tanto o mundo do deporte. A través desta realidade cheguei ao activismo lgbtiq+ no deporte e falamos con Camino Baró, que é activista intersex, e foi cando me decidín a intentar contar esta historia”, debulla Delgado.
"Resúltame moi importante mostrar realidades descoñecidas de mulleres. O caso de Semenya foi bastante mediático, pero non traspasou tanto o mundo do deporte", conta Delgado
Como boa ourensá do Barco de Valdeorras, Fátima Delgado viviu o entroido de maneira moi intensa dende pequena. “Xa que o mundo do atletismo me resultaba bastante descoñecido, para min era importante achegarme dende a escrita, e despois na montaxe, ao meu universo propio. Así, aparecen na obra o entroido e os nosos peliqueiros, que difiren moito da figura real, pero están inspirados neles”, explica.
“A obra fala da identidade, de que é ser muller, de como te sentes –moitas veces– xulgada polo feito de seren muller. Entón, o entroido e o xogo de quen hai detrás da máscara parecíame unha metáfora boa para sumar outra capa a este conflito dramático”, salienta a dramaturga.
Se existe o destino, esta obra estaba feita para a actriz Alba Loureiro: "Eu creo bastante na maxia e nos sinais, tiña que ser ela", di a dramaturga
En Run Baby Run participan, entre outros, a coreógrafa Greta García, integrante do grupo Irmás Gestring; o deseñadorPier Paolo Álvaro, gañador do Premio Max 2023 a mellor deseño de vestiario polo espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do CDG; ou Fernando Epelde, responsable da música e o espazo sonoro da peza. O elenco está formado por Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez.
Se existe o destino, esta obra estaba feita para a actriz Alba Loureiro, pois chámase igual que a protagonista. Fátima Delgado non a coñecía e foi a partir de compartir o texto dramático con outras compañeiras de profesión cando soubo que había unha actriz con ese nome. Escollera Loureiro de apelido como metáfora polo loureiro que lle poñen aos gañadores dos Xogos Olímpicos e non dubidou en convidar a Alba Loureiro ás probas de selección: “Eu creo bastante na maxia e nos sinais, tiña que ser ela”, confesa. Como protagonista, Loureiro forma un “tándem fermosísimo” con Camila Bossa –que interpreta á adestradora– como xa fixeron en Ás oito da tarde, cando morren as nais, dirixidas por Marta Pazos.
"O que falta, que é o que lle pasa tamén a moitas mulleres atletas que falan dese machismo sistémico, é que nos dean esa visibilidade", defende Fátima Delgado
“No teatro somos moitas mulleres que escribimos, actuamos e producimos, pero non temos tanta visibilidade nos teatros públicos ou nos grandes teatros. Mulleres que conten historias de mulleres somos moitas –cada vez somos máis– e coñecémonos e apoiámonos. No meu equipo hai maioría de mulleres por iso, porque eu entendo o teatro tamén como un activismo feminista. O que falta, que é o que lle pasa tamén a moitas mulleres atletas que falan dese machismo sistémico, é que nos dean esa visibilidade. Que non sexa só nun ciclo de autoras ou do 8M cando esteamos nos teatros. Ao final, nós esiximos o mesmo que as atletas: igualdade real”, defende Fátima Delgado.