Este xoves celebrouse en Rois un encontro para coñecer polo miúdo o proxecto Modo galego, actívao! cara á súa posible implantación en concellos que conforman esta asociación de entidades locais pola normalización lingüística
No curso escolar 2022-2023 a Real Academia Galega e o Concello de Ames puxeron en marcha o proxecto Modo galego, actívao!, que se vén desenvolvendo dende entón. Partindo de traballos previos coma o Mapa sociolingüístico escolar de Ames, que en 2021 afondaba en aspectos coma os "efectos desgaleguizadores" do ensino dende o Infantil ata a Secundaria, RAG e goberno local lanzaron iniciativas como animar a rapazada a vivir en galego durante varias semanas dentro e fóra das aulas ou activar iniciativas de inmersión lingüística.
A proposta é singular tanto pola variedade e o número de axentes implicados, xa que inclúe propostas para máis de 2.500 alumnos e alumnas dos centros públicos amesáns, as súas familias, o profesorado e o persoal dos servizos complementarios de educación.
Os resultados da iniciativa foron valoraron como "moi positivos", de xeito que a colaboración se estendeu no tempo en Ames e ampliou os seus ámbitos de aplicación. Agora, ademais, explora a súa replicación noutros concellos, comezando por aqueles que xa participan en Alingua, a rede composta por preto dunha vintena de concellos unidos pola vontade de fomentar todas aquelas accións que teñan como fin un maior uso do galego.

A proposta impulsada pola RAG e o Concello de Ames é singular pola variedade de axentes implicados, xa que inclúe propostas para máis de 2.500 alumnos e alumnas dos centros públicos, as súas familias, o profesorado e o persoal dos servizos complementarios de educación
Este xoves celebrouse en Rois un encontro para coñecer polo miúdo o proxecto cara á súa posible implantación en concellos que conforman esta asociación de entidades locais pola normalización lingüística. O presidente da Academia, Henrique Monteagudo, abriu a xornada canda o presidente de Alingua, Ramón Varela Rodríguez; o alcalde de Ames, Blas García; e o alcalde de Rois, Ramón Tojo (PP).
O encontro celébrase tras a xuntanza mantida entre a RAG e Alingua o pasado mes de maio, na que ambas as partes acordaron iniciar unha liña de colaboración. A xornada de traballo incúe tamén a presentación dos catro anos de posta en práctica de propostas para a dinamización da lingua e a súa avaliación nos espazos de educación formal e non formal de Ames.
“Concibímolo como un proxecto piloto pero coa idea de estendelo a outros concellos”, recorda o presidente da Academia, Henrique Monteagudo
“Concibimos Modo galego, actívao! como un proxecto piloto pero coa idea de estendelo a outros concellos”, recorda o presidente da Academia, Henrique Monteagudo. “A Alingua pareceulle moi interesante esta experiencia e a xornada de hoxe pretende ser un punto de encontro para que os seus socios coñezan co detalle que esixe unha experiencia coma esta, aspectos operativos e metodolóxicos, os recursos que a RAG poría á súa disposición.
"Entendemos que Modo galego, actívao! sempre vai ofrecer a orientación e o apoio da Academia, pero o protagonismo ten que responder a cada unha das localidades e centros que se comprometan con el”, apunta o presidente da RAG.
O presidente de Alingua salienta a importancia dun acompañamento como o que ofrece a RAG e tamén a “capacidade única” dos propios concellos, pola súa proximidade á cidadanía, para “sermos exemplo e crear contextos de uso efectivo para a lingua”
Pola súa banda, o presidente de Alingua salienta a importancia dun acompañamento como o que ofrece a RAG a través de Modo galego, actívao!, e tamén a “capacidade única” dos propios concellos, pola súa proximidade á cidadanía, para “sermos exemplo e crear contextos de uso efectivo para a lingua”.
“A colaboración da Academia é unha oportunidade para seguir avanzando xuntos. As nosas experiencias previas en proxectos colaborativos como Apego ou Youtubeiras amosan que, cando unimos esforzos, conseguimos resultados sólidos e inspiradores para o noso idioma. Agora queremos sumar os concellos que forman parte de Alingua a este programa posto en práctica con éxito en Ames para multiplicar espazos de uso para o galego”, sinalou Ramón Varela Rodríguez.
Dende o ano 2021RAG e Concello de Ames veñen lanzando iniciativas como animar a rapazada a vivir en galego durante varias semanas dentro e fóra das aulas ou activar iniciativas de inmersión lingüística
Na promoción da lingua todas as administracións, incluídas as locais, teñen responsabilidade, lembrou o alcalde de Ames, Blas García. “Temos a obriga de traballar por manter e expandir a principal característica que nos define como galegos: o idioma. Con este programa tentamos chegar á rapazada, amosarlle a riqueza do galego e promovelo dunha forma lúdica e distendida, mediante retos e xogos. Nun momento como o actual, no que vemos que comezan a rexurdir discursos extremistas e negacionistas do galego que criamos superados, é importante mostrar fortaleza e orgullo polo noso”, engadiu o rexedor.
Finalmente, o alcalde de Rois, Ramón Tojo, felicitou a RAG e ao Concello de Ames pola posta en marcha de Modo galego, actívao! e puxo tamén o acento na necesidade de apostar pola colaboración entre institucións para que chegue a máis municipios. Tojo lembrou nesta liña que Rois é un dos concellos fundadores da asociación Alingua, e que participa en programas como Apego, Youtubeiras e o Club de Debate.
