Poesía e memoria democrática no Festival dos Eidos, o centro do universo que nos deixou Uxío Novoneyra

Celebración do Festival dos Eidos © Tamara de la Fuente

O Festival dos Eidos celébrase a derradeira fin de semana de agosto en Parada do Courel

A Casa da Fonte, onde naceu o poeta Uxío Novoneyra, na aldea de Parada do Courel, está sempre aberta ás visitas. A fundación que leva o nome do ilustre poeta mantén o espírito de 'centro de reunión' e dende hai once anos congrega a destacadas poetas para celebrar o Festival dos Eidos, entre outras moitas actividades durante o ano. 

Este agosto, entre o sábado 29 e o domingo 30, poetas de varias xeracións volverán citarse arredor do universo de Novoneyra para o gozo da veciñanza e das persoas visitantes. O certame, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, inclúe recitais de poesía, conversas, música ou unha ruta guiada pola memoria democrática de Parada do Courel.

Cartaz desta edición do festival, que se celebra en Parada do Courel CC-BY-SA Festival dos Eidos

A lectura comentada do poemario 'Os Eidos' estará a cargo de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer

As actividades do sábado comezan cedo (en dous pases, ás 9.30 e ás 10.30 horas) coa ruta de observación das aves que aparecen nos poemas d’Os Eidos. Libro do Courel de Uxío Novoneyra. O biólogo Xabier Vázquez Pumariño, que traballa de consultor ambiental, será o encargado de guiar o camiño. Pumariño é propietario da marca Birding Galicia de consultoría en bioturismo.

Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer vanse encargar da lectura comentada do poemario Os Eidos ás doce do mediodía dende o curral da casa. O seu enfoque resulta de especial interese por seren os dous encargados da última edición do libro que o poeta publicou en vida. 

Olga Novo e Su Garrido Pombo ofrecerán un recital conxunto de poesía e música 

A poeta Olga Novo –galardoada co Premio Nacional de Poesía que concede o Ministerio de Cultura por Feliz idade–, tamén profundamente vinculada á obra de Uxío Novoneyra, e Su Garrido Pombo ofrecerán un recital conxunto de poesía e música ás 13 horas na horta.

O souto comunal da aldea de Parada, o souto da Rubial, xuntará as voces de Antón Lopo e Alberto Lema, que se reunirán ás cinco da tarde para conversar sobre a recente publicación de Río Grande na editorial Chan da Pólvora. A partir das 18.30 horas, o recital central do festival acollerá as voces de Olalla Cociña, Xerardo Quintiá, Julieta Valero e Karlotti, de novo no curral da casa, sede da Fundación Uxío Novoneyra.

Casa da Fonte, onde naceu Uxío Novoneyra, en Parada do Courel © Fundación Uxío Novoneyra

O domingo está reservado para a ruta pola memoria democrática de Parada do Courel a partir a obra de Novoneyra

A psicodelia da banda Moura pechará o día na horta, co monte da Lomba e co monte da Pinza de fondo, seguida de dúas sesións dos picadiscos Jas Processor e DJ Tristón. Todas as actividades do Festival dos Eidos son de balde ata completar o aforo.

O domingo 30 de agosto está reservado para a ruta pola memoria democrática de Parada do Courel a partir a obra de Novoneyra, que sendo un cativo de cinco anos gardou o segredo de ter agochado na súa casa o seu tío, alcalde pola Fronte Popular, e presenciou o pranto polo fusilamento de Manuel de Ribadaira, recollido no romance en memoria de todos os represaliados polo franquismo en Do Courel a Compostela. Ignacio Vilariño será o encargado de guiar este percorrido para non esquecer o noso pasado, ás 11 e ás 12.30 horas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.