Un dos puntos do acordo co que o PNV comprometeu co PSOE a finais de 2019 o seu "si" á investidura do presidente Pedro Sánchez implicaba "abrir vías para promover a representación internacional de Euskadi no ámbito deportivo e cultural". Esa reclamación vén de cristalizar en parte nunha emenda á nova Lei do Deporte que se tramita no Congreso, tamén acordada entre jeltzales e socialistas.
No artigo 44 da nova norma, concibido para regular a "integración das federacións deportivas autonómicas na federación deportiva española correspondente", pasa a abrirse unha pequena fiestra para a participación directa das seleccións vascas dalgúns deportes en competicións internacionais. Dado que a norma ten rango estatal, esa oportunidade ábrese tamén para algunhas seleccións galegas.

Segundo divulga o PNV, o texto pactado indica que "as federacións deportivas autonómicas poderán participar directamente no ámbito internacional se a federación internacional correspondente contempla a súa participación no caso de modalidades ou especialidades deportivas con arraigo histórico e social na súa respectiva comunidade autónoma". Tamén "no caso de que a federación autonómica formase parte dunha federación internacional antes da constitución da federación española corespondente".
O acordo implica que a nova Lei do Deporte permita a participación internacional directa das federacións autonómicas de deportes "con arraigo histórico e social" no seu territorio ou se a federación que corresponda está integrada na súa homóloga internacional antes que a española
Nestes supostos, continúa a emenda pactada, "a participación da federación deportiva autonómica en competicións oficiais internacionais producirase previo acordo do Consello Superior de Deportes". Ese acordo implicará, dirá a lei, "o apoio conxunto á integración da federación autonómica na federación internacional".
Ao facer público o acordo o PNV concreta que este acordo supón que "por primeira vez, o ordenamento xurídico español recoñece a participación directa de federacións deportivas autonómicas en competicións internacionais". No caso vasco, destacan, isto traerá consigo unha vía legal "para que deportes como a pelota ou o surf poidan vestir a camisola de Euskadi e portar a ikurriña en competicións internacionais".

Daquela, fican fóra deportes como fútbol, fútbol sala ou baloncesto, nos que as seleccións galegas xogaron diversos encontros internacionais amigables en múltiples ocasións. Pero con este acordo si fica aberta a porta a que experiencias como a da exitosa selección galega de fútbol gaélico se poidan asentar e replicar nesa e noutras modalidades deportivas. O pacto chega días despois de que, en Galicia, a plataforma Vía Galega entregase 6.644 sinaturas de apoio á súa iniciativa lexislativa popular pola oficialidade plena de todas as seleccións deportivas galegas.