Unha ducia de anos de Praza Pública
O 1 de febreiro de 2012 botou a andar Praza Pública, que este xoves celebrou o seu 12º aniversario. 12 anos informando sobre Galicia e dende Galicia, con rigor, profundidade e seriedade, nun proxecto sostido e dependente dos seus lectores e lectoras, dos seus socios e socias. Velaquí unha ducia dedicada aos 12 anos de Praza.gal.
-
01
O comezo
O 1 de febreiro naceu Praza Pública, daquela Praza.com (aínda non se acadara o puntogal) e esta foi a nosa primeira portada. Foron -temos que recoñecelo- uns comezos difíciles, escollemos poñer en marcha o xornal no momento máis duro da crise económica e nun contexto de peches de medios progresistas e en galego: Vieiros, A Nosa Terra, Xornal... Pero vivimos para contalo. Seguimos pensando que "a Galicia non lle cómpre o silencio".
-
02
Pemex
Entre os temas aos que dedicamos máis atención nos primeiros meses de andaina estivo o dos famosos contratos de Pemex, os floteis, que Feijóo anunciou un mes antes das eleccións de 2012 e que a propia petroleira acabou negando.
-
03
A desaparición das caixas galegas
Outro dos temas que marcou o inicio da década foi o proceso de desaparición das caixas de aforros galegas entre 2010 e 2013, un fracaso de país ao que dedicamos unha intensa cobertura, co obxectivo de fiscalizar e poñer luz a un proceso no que primou a opacidade e que incluíu episodios paralelos coma a crise da preferentes.
-
04
Fiscalización
Hai un popular dito que afirma que noticia é "aquilo que alguén non quere que se saiba". E por iso entendemos que ese traballo de fiscalización sobre a actividade dos grandes poderes, públicos e privados, é a parte fundamental do noso traballo. Sobre todo en Galicia, onde dá a impresión de que sempre hai unha parte da realidade que queda sen contar. Velaí esa certa obsesión que temos polas sentenzas xudiciais, polo DOG e polo BOE, polos informes e outros documentos, polos datos abertos e pola transparencia.
-
05
Parlamento
E, dentro desa fiscalización, quizais a parte máis importante é a que se realiza en relación ao Parlamento, sede da vontade da cidadanía e do debate democrático, aínda que este estea dominado por unha maioría absoluta. Ante a escasa e secundaria cobertura que a maior parte dos medios de comunicación realizan do que sucede na cámara, ás veces dá a ocasión de que o que alí se fala non existe. En Praza.gal tentamos que iso non sexa así.
-
06
Sanidade
De entre todos os temas que vimos tratando de maneira continuada dende o 2012, quizais o máis importante é o da sanidade pública, que vén sufrindo recortes que ameazan a súa función central e que a converteron nun dos principais problemas do país. Polas páxinas de Praza pasaron nestes anos as mobilizacións pola Atención Primaria, as das enfermeiras eventuais ou as do Hospital de Verín, entre moitas outras.
-
07
Feminismo
Nos últimos dez anos tentamos emprestar unha atención permanente á loita das mulleres pola igualdade e contra a violencia machista. Dende as mobilizacións polo dereito ao aborto da primeira parte da década pasada ás convocatorias históricas das mobilizacións do 8 de marzo.
-
08
CRTVG
Outra das coberturas constante de Praza, especialmente nos últimos 5 anos, é a dos medios de comunicación públicos e, especialmente, ás mobilizacións do persoal a través de Defende a Galega
-
09
Angrois
Un exemplo de tratamento informativo continuado é o realizado ao redor do accidente do Alvia en Angrois, ao redor da investigación sobre o sucedido e, máis recentemente, sobre o propio xuízo. Ao máis exacto retrato duns feitos chégase a través de ducias, de centos de pezas informativas. Un traballo diario que permite que a verdade -e con ela a xustiza- aflore.
-
10
COVID
En marzo de 2020 o mundo detívose. A pandemia de COVID foi un dos feitos máis disruptivos dos sufridos nas últimas decadas e durante meses foron máis as preguntas que as respostas. Había que contalo -cada unha das súas moitas variantes- e había que facelo co máximo rigor e responsabilidade. Tentamos facelo o mellor posible, a través de informacións escritas, de entrevistas e reportaxes, e tamén de pezas de datos e infografías.
-
11
As coberturas electorais
Outro dos momentos nos que a maquinaria de Praza se pon ao máximo rendemento é durante as citas electorais, tanto nas semanas previas da precampaña e a campaña, coma durante a noite electoral e durante os días posteriores, nos que tentamos debullar con números, gráficos e mapas o que as urnas dixeron. Neste 18F volverémolo facer.
-
12
Vinte
En decembro de 2018 naceu Vinte, a revista dixital de Praza para a Galicia dos anos 20, en todos os sentidos. Ideada e dirixida dende o comezo por María Yáñez, nos últimos 5 anos Vinte amosou aquilo que se move na parte máis dinámica do país. Ao longo deste 2024, a revista ofrecerá cambios e algúns contidos renovados.
-
13
Un xornal que tamén se escoita
Nos últimos 12 anos en Praza fixemos tamén algo de radio. A podcasts como Retrocorenta ou Fálase únense colaboracións coma as que mativemos con Té con Gotas ou Carretando (ou co Café Derby 21 ou Violentos anos 20 en Vinte), exemplos de que o xornalismo online se le e se escoita e que os soportes non son fronteiras senón pontes.
-
14
Praza, hoxe. O xornal da Galicia que vén
E como se presenta o futuro? Pois depende ti. En Praza sempre repetimos que dependemos do apoio dos nosos lectores e lectoras, do valor que lle dean ao noso traballo. Iso permítenos non depender doutros intereses. É tamén a garantía de que nos temos que esforzar ao máximo para non defraudar esa confianza.
Praza non recibe ningún tipo de subvención e a súa supervivencia depende da publicidade e, sobre todo, das achegas económicas de socios e socias. Na medida en que estas aumenten, seremos quen de facer máis e mellor xornalismo. Coa túa achega (podes facerte socio ou socia aquí), poderemos celebrar outros 12 anos.