Marcos Pérez Pena

Unha ducia de medios escritos en galego, dende O Tío Marcos d'a Portela ata o presente

O 7 de febreiro de 1876 publicouse o primeiro número de O Tio Marcos d'A Portela, a primeira cabeceira de masas publicada en galego, unha data que todos os anos se conmemora no Día dos Medios en Galego. Dende entón foron moitas as iniciativas xornalísticas que empregaban a lingua galega, primeiro en papel e agora na rede. Esta semana, ademais, en Praza.gal celebramos o noso décimo aniversario, dez anos informando en galego.

  1. 01

    O Tio Marcos d'A Portela (1876)

    O 7 de febreiro de 1876 saiu á rúa o Parrafeo Primeiro de O Tio Marcos d'A Portela, o xornal impulsado por Valentín Lamas Carvajal, que chegou a vender 4.000 exemplares, converténdose na primeira cabeceira de masas publicada en lingua galega. O xornal vendíase nas feiras e mediante subscricións por toda Galicia e nas comunidades emigradas de América e acadou unha tiraxe e unha sona moi destacadas, sobre todo se temos en conta a elevada taxa de analfabetismo que existía naquel tempo

  2. 02

    Primeiro artigo xornalístico en lingua galega (1812)

    O Tío Marcos d'A Portela foi a primeira cabeceira integramente escrita en galego, pero xa outros medios foran publicando algúns textos xornalísticos na nosa lingua. O 5 de febreiro de 1812 apareceu na Gazeta Marcial y Política de Santiago o que probablemente foi o primeiro artigo xornalístico publicado en galego

  3. 03

    O Galiciano (1884) e A Monteira (1889)

    A finais do século XIX atopamos outros exemplos de cabeceiras en galego, como pode ser O Galiciano, un periódico semanal que se editou en Pontevedra entre 1884 e 1888. Poderiamos falar tamén de A Monteira, un semanario editado en galego en Lugo entre 1889 e 1890.

  4. 04

    A Nosa Terra (1916)

    A Nosa Terra publicou o seu primeiro número o 14 de novembro de 1916 na Coruña e editouse durante vinte anos, ata o 17 de xullo de 1936, sendo neste tempo primeiro voceiro das Irmandades da Fala e a partir de 1932 do Partido Galeguista.

  5. 05

    Nós (1920)

    A revista Nós publicouse entre 1920 e 1936, impulsada nos primeiros anos por Vicente Risco, que era ademais o director literario, sendo Castelao o director artístico. Imprimiuse en Ourense, Pontevedra, A Coruña e nos últimos anos en Compostela, na imprenta de Ánxel Casal.

  6. 06

    Nova Galiza (1937)

    O Golpe de Estado de 1936 levou á desaparición dos medios editados en lingua galega no interior de Galicia, pero no exilio e na emigración xurdiron algunhas cabeceiras, algunha delas mesmo durante a Guerra Civil. É o caso de Nova Galiza, publicación maioritariamente en galego publicada en Barcelona entre 1937 e 1938. 

    Subtitulada Boletín quincenal dos escritores galegos antifascistas, fora Promovida por Castelao e Ramón Suárez Picallo e financiada polo Comisariado de Propaganda da Generalitat de Cataluña. Os primeiros números repartíanse gratuitamente, maioritariamente entre soldados galegos do exército republicano. 

  7. 07

    Adiante (1954)

    Na emigración americana foron moitas as publicacións impulsadas pola colonia galega, como xa debullamos nestoutra ducia. Algunhas delas estaban en lingua galega, como Adiante, publicada a partir de 1954 en Arxentina, de forma irregular e cunha distribución de balde, editada pola Irmandade Galega de Bos Aires  

  8. 08

    A Nosa Terra (1977)

    Recuperada a democracia xurdiron novos medios en lingua galega, nalgún caso recuperando cabeceiras históricas. A Nosa Terra iniciou unha nova etapa como semanario en papel en Compostela en 1977, pasando a editarse posteriormente en Vigo, onde se publicou ata o ano 2010. Margarita Ledo foi a súa primeira directora. No ano 2018 regresou á rede, dixitalizando a súa hemeroteca dende 1977. 

  9. 09

    Teima (1976)

    Un ano antes que A Nosa Terra naceu a revista Teima, que se publicou durante 35 números, pechando en 1977 por mor da falta de publicidade e de diversas presións políticas. Destacou polo seu moderno deseño gráfico e polo xornalismo de investigación que practicaba. O seu primeiro director foi Ánxel Vence.

  10. 10

    Man Común (1980)

    Outro dos medios en galego que naceron durante a Transición política foi a revista Man Común, que publicou doce números entre 1980 e 1981 e pechou por motivos económicos. Estaba dirixida por Xosé Antón Gaciño

  11. 11

    O Correo Galego/Galicia Hoxe (1994)

    Houbo que agardar ata 1994 para ver o primeiro xornal en papel publicado a diario en galego. Foi O Correo Galego, da Editorial Compostela. No ano 2003 mudou o seu nome polo de Galicia Hoxe, pechando a súa edición en papel no ano 2011 por mor do recorte de axudas económicas que habitualmente recibía da Xunta de Galicia

  12. 12

    Vieiros (1996)

    O galego estivo presente na prensa escrita, primeiro no papel e dende os anos 90 do pasado século tamén na rede. O 24 de febreiro de 1996 nacía Vieiros.com, o decano da prensa dixital galega, que nos seus 14 anos de historia (ata o seu peche en 2010) se converteu nun referente. Velaquí a ducia que lle dedicamos no seu 25 aniversario