David Reinero

Unha ducia de elefantes brancos

20 anos despois o maior polígono de Galicia segue sen unha empresa instalada e a Xunta informa dun novo atraso nas súas obras. Repasamos unha ducia de elefantes brancos, construcións que como os paquidermos dos reis de Tailandia non parecen ter tanta utilidade como o seu custo ou como o prometido cando se anunciaran.

  1. 01

    Plisan

    A Xunta vén de admitir un novo atraso nas obras da Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), chamada a ser o maior polígono de Galicia pero aínda sen unha empresa instalada 20 anos despois de lanzarse o proxecto e tras 231 millóns de euros de investimento público. [Imaxe: Zona Franca de Vigo]

  2. 03

    Auditorio de Lugo

    Inaugurado a comezos de 2016 tras investir a Xunta uns 20 millóns de euros, aínda non se puxo en servizo por discrepancias entre o Goberno galego e o local e xa presenta desperfectos. [Imaxe: Xunta de Galicia]

  3. 04

    Centro de Interpretación dos Parques Naturais

    Hai oito anos que se pararon as obras deste edificio de Ourense emprazado en terreo inundable xunto ao Miño e despois de investirse nel dous dos sete millóns en que se orzamentou. [Imaxe: Google Street View]

  4. 05

    Centros sociais e culturais das antigas caixas

    Os tres edificios emblemáticos que as antigas caixas converteron en espazos para as súas obras sociais en Santiago, a poucos metros uns dos outros, nas rúas do Vilar e do Preguntoiro e na praza de Cervantes, teñen espazos e funcións que se solapan e programación flutuante. O millonario rescate das antigas caixas deixou na incerteza eses e outros moitos espazos que impulsaran elas por toda Galicia. [Imaxe: Abanca]

  5. 06

    Portos Exteriores

    Sen a ocupación que se lles presupuña cando foron planificados hai dúas décadas, os portos exteriores da Coruña e Ferrol carecen aínda hoxe de acceso ferroviario malia os varios centos de millóns de euros investidos neles. [Imaxe: Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao]

  6. 07

    Porto Seco de Monforte

    Seis anos despois da súa inauguración en febreiro de 2014 tras investir nel 20 millóns de euros aínda non hai ningunha empresa no que ía ser a Porta de Europa. [Imaxe: Xunta de Galicia]

  7. 08

    Estacións de tren

    Nas últimas décadas foron quedando abandonadas ducias de estacións de tren por toda Galicia ao tempo que se impulsaba a construción doutras novas sen apenas servizos, como a de Padrón-Barbanza, afastada de calquera núcleo de poboación, ou se adiaba o remate das máis importantes, como a de Vigo, aínda en obras. [Imaxe: Adif]

  8. 09

    Estacións de bus

    A Xunta levantou hai anos estacións de autobuses en lugares afastados dos centros das vilas ou das rutas tradicionais dos buses e coa súa explotación ligada a cafeterías que ninguén atopa rendibles que fan que sigan pechadas, como as de Celanova ou A Guarda, de medio millón de euros cada unha. [Imaxe: Google Street View]

  9. 11

    Parque de bombeiros de Santiago

    Hai década e media que as obras do futuro novo parque de bombeiros de Santiago, en Salgueiriños, quedaron paradas á metade despois de investirse nelas preto de dous millóns de euros, e aínda agora estase a buscar o xeito de retomalas para destinalo a parque local ou comarcal. [Imaxe: Praza Pública]

  10. 12

    Cemiterio de Fisterra

    Hai dúas décadas que se rematou o cemiterio que César Portela deseñou para a fin do mundo. Eloxiado como obra arquitectónica, durante todo este tempo o concello non foi quen de dotalo dos servizos e permisos necesarios para que funcione co destino para o que foi proxectado. [Imaxe: Google Street View]