Unha ducia de guerrilleiros e guerrilleiras antifranquistas galegas
O 17 de decembro morría Camilo de Dios, o derradeiro guerrilleiro antifranquista galego vivo. O derradeiro dunha liñaxe de loitadores e loitadoras contra a ditadura, como Foucellas, Gómez Gayoso ou as irmás Consuelo e Antonia Rodríguez López. Repasamos apenas unha pequena parte nesta ducia.
-
01
Camilo de Dios
Camilo de Dios naceu en Sandiás en 1933 e con só 15 anos uniuse á guerrilla antifranquista e botouse ao monte. O pasado 17 de decembro morreu aos 86 anos de idade, permanecendo ata o final fiel aos seus ideais. Uns anos conseguira recuperar os restos do seu irmán Perfecto de Dios, algo que el e a súa nai Carmen Fernández Seguín, tamén guerrilleira, sempre perseguiran.
-
02
Chelo e Antonia Rodríguez López
Tamén houbo guerrilleiras. Ademais das moitísimas mulleres que actuaron como enlaces ou que colaboraron no sostemento dos combatentes, as guerrillas estiveron integradas tamén por loitadoras como Marita Gallego Abeledo ou polas irmás Antonia e Consuelo Rodríguez López. Chelo Rodríguez López morreu este verán. Un par de meses despois Aurora Marco (autora de Mulleres na guerrilla antifranquista galega) dedicáballe este texto de homenaxe
-
03
Xosé Castro Veiga, O Piloto
O 10 de marzo de 1965 Xosé Castro Veiga, O Piloto, era asasinado pola Garda Civil preto do encoro de Belesar mentres descansaba e comía algo sentado nunha pena. Era o derradeiro guerrilleiro antifranquista que resistía no monte. Hai catro anos Afonso Eiré publicou O Piloto, o último guerrilleiro, un libro que destaca que os guerrilleiros galegos contaban cun importante apoio social: "A guerrilla galega reuníase nas casas, non no monte"
-
04
Gayoso e Seoane
José Gómez Gayoso, nacido en Maceda, foi nomeado Secretario de Organización do PCE en 1935. Ao rematar a Guerra Civil, conseguiu exiliarse, pero en 1944 regresou a España, sendo nomeado Secretario Xeral do PCE en Galicia, co encargo de impulsar a organización da guerrilla e afianzar e fortalecer o partido.
Antonio Seoane creceu na Arxentina e en 1939 afiliouse ao PCE para loitar contra o franquismo. Entra clandestinamente en España en 1943 e en 1946 chega a Galicia como responsábel do Exercito Guerrilleiro de Galicia xunto a Gómez Gayoso. A historia uniunos na súa morte: foron detidos en 1948 e executados con garrote vil, sendo soterrados na Coruña -
05
Francisco Martínez Leira
O 31 de decembro de 1954 foi asasinado Francisco Martínez Leira, Pancho. Nacido en Pontedeume, Francisco Martínez Leira mantivo a súa actividade contra o franquismo ata o último momento: reparto de propaganda, asaltos a dereitistas e varios enfrontamentos armados nos que morreu un garda e outros dous quedaron feridos.
-
06
Manolito Bello
O coruñes Manolito Bello foi detido en 1946 e asasinado a garrote vil no cárcere da cidade cando só tiña 21 anos. Unha das últimas vontades de Manuel Bello foi que na súa tumba se lle colocara unha estrela de cinco puntas feita con caraveis vermellos. Así foi, aínda que as flores foron retiradas de inmediato. A pesar da vixilancia policial, durante moitos anos apareceron pequenos ramos de cinco caraveis vermellos colgados nun cravo situado enriba da súa lápida
-
07
Foucellas
Benigno Andrade García, chamado Foucellas (polo lugar de Mesía no que naceu). Militante anarquista, foi detido pola Garda Civil en 1952 e executado con garrote vil na Coruña. Foi condenado en consello de guerra sumarísimo a tres penas de morte "como o maior criminal dos últimos anos", segundo recolle a sentenza
-
08
Luís Trigo “Gardarríos” e Antonia Pérez
Luís Trigo “Gardarríos”, nado en Ourol, fora presidente da Agrupación Socialista de Mondoñedo e dende o ano 1939 levou a cabo numerosas accións, moitas delas acompañado da súa compañeira, Antonia Díaz Pérez, labrega natural de Ribadeo. Foron homenaxeados o pasado ano en Mondoñedo e Lourenzá.
-
09
Antonio Pérez Barreiros
Nacido en Ourense en 1928 e finado en Verín en 2012, Antonio Pérez Barreiros foi un dos últimos guerrilleiros galegos vivos. Cando rematou a guerra afiliouse ás Juventudes Socialistas Unificadas. En 1946 fuxiu ás montañas e integrouse nun destacamento da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia dirixido por Juan Sorga. Detido en 1949, foi condenado a morte, pero a súa pena foi conmutada pola cadea perpetua. Saíu do cárcere a finais dos anos sesenta, para instalarse definitivamente en Verín, sendo detido de novo en 1971 por repartir propaganda ilegal.
-
10
Benigno Fraga
Benigno Fraga exerceu como secretario de Organización do PCE en Ferrol, motivo polo que tivo que fuxir, incorporándose á guerrilla. Foi asasinado pola Garda Civil en 1949 en Candedo, mentres o seu grupo fuxía tras unha acción que non conseguira o seu obxectivo. Este verán a ARMH traballou en Chandrexa de Queixa na recuperación dos seus restos.
-
11
Os finados en Repil ou Cambedo
En abril de 1949 a Garda Civil rodeou unha vivenda no lugar de Repil -no límite entre Monforte e A Pobra do Brollón- que era empregado por guerrilleiros antifranquistas como acocho temporal. Tras un intercambio de disparos, seis guerrilleiros foron abatidos.
Aínda máis importante foi a coñecida como 'Batalla de Cambedo'. O Cambedo é unha pequena aldea situada na raia seca entre Galicia e Portugal, preto de Chaves. O 20 de decembro de 1946 centos de gardas civís e gardas republicanos portugueses cercaron un grupo de guerrilleiros antífranquistas que se reuniran alí. O asalto acabou coa morte de todos eles e coa detención de ducias de persoas noutras localidades
-
12
E tantos e tantas outras...
A lista de guerrilleiros e guerrilleiras dá para varias ducias e pode consultarse en obras como Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965), de Francisco Redondo Abal ou nesta listaxe da Wikipedia. Mario de Langullo, Gregorio Dopico Fernández (Yoyo), Adolfo Allegue Allegue (Riqueche), José Neira Fernández, Nicolás Rodríguez Pereira, José Porto Lestegás, Enriqueta Otero, Josefa Gallego Abeledo, José María Castelo Mosquera... e tantos e tantas outras.