Unha ducia de lugares nos que pasar unha vaga de calor
Unha vaga de calor como a desta semana invita a buscar solucións para pasala o mellor posible. Aquí vai unha ducia de propostas.
-
01
Na praia
Galicia ten oficialmente 863 praias con todo tipo de características, desde urbanas ata salvaxes, de moi difícil acceso ou nudistas, e sen contar as fluviais. Así que malo será que non se poida atopar un areal no que haxa unha sombra e corra algo de vento. [Imaxe: CC-BY-SA Praza Pública]
-
02
Na auga das Cíes
Sexa cal sexa a praia na que decidas refuxiarte do calor, aínda que non teña sombra sempre che quedará a auga do mar. Pero se o que buscas é baixar realmente a temperatura, non hai como a auga das illas Cíes. [Imaxe: CC-BY-SA Xunta de Galicia]
-
03
Na Festa da Auga de Vilagarcía
Se o que se quere para o calor é auga pero non tan fría como a das Cíes, unha boa opción pode ser a Festa da Auga de Vilagarcía, que se celebra o vindeiro mércores 16 no marco das festas de San Roque. [Imaxe: CC-BY-SA Xunta de Galicia]
-
04
No parque acuático de Cerceda
Outro sitio para xogar con auga pode ser o parque acuático de Cerceda, un clásico da diversión estival. [Imaxe: Aquapark Cerceda]
-
05
No parque acuático de Ourense
Esta semana tamén abriu outro "parque acuático", en Ourense, impulsado pola Xunta, que de momento non ten tobogáns pero si varias piscinas nas que refrescarse. [Imaxe: CC-BY-SA Xunta de Galicia]
-
06
Nunha poza
Se Galicia ten case mil praias, tamén ten mil ríos, e en moitos deles hai pozas e piscinas naturais que en verán son outro bo recurso contra o calor. [Imaxe: CC-BY-SA Praza Pública]
-
07
Nunha fraga
Para quen non queira mollarse, as fragas galegas , con árbores autóctonas facendo sombra, son un bo destino para bañarse en frescor. [Imaxe: CC-BY-SA Xunta de Galicia]
-
08
Na Mariña
Se fai moito calor no resto de Galicia, é altamente probable que na Mariña non. Así polo menos o di a sabedoría popular, que entende que ao norte do alto da Xesta cada día pode ser unha aventura no climático. Iso si, coa auga máis quente que nas Rías Baixas. [Imaxe: CC-BY-SA Praza Pública]
-
09
Baixo terra
Baixo terra tamén é máis fácil atopar algo máis de frescura que na superficie. Así que a espeleoloxía pode ser unha actividade recomendable para os días de calor. A cova do Rei Cintolo, en Mondoñedo, é unha opción. [Imaxe: CC-BY-SA Praza Pública]
-
10
De noite
A temperatura baixa algo pola noite, e estamos a piques de entrar nas xornadas en que máis visible será a chuvia de estrelas das Perseidas. Así que os plans nocturnos de contemplación do ceo poden axudar contra o calor. [Imaxe: CC-BY-SA Xunta de Galicia]
-
11
Nun frigorífico do Berbés
Pasar frío en agosto, e en calquera época do ano, forma parte do traballo de moitas persoas. Por exemplo dos centos delas que traballan nas industrias frigoríficas ligadas aos portos galegos. [Imaxe: Autoridade Portuaria de Vigo]
-
12
Nalgún transporte público
Tamén hai quen pode morrer metaforicamente de frío só con empregar o transporte público. Porque hai un ano o Goberno implantou medidas para o aforro enerxético que implicaban un menor uso dos aires acondicionados e que se están a aplicar con maior ou menor sorte nos edificios pero que nalgúns medios de transporte non acaban de funcionar correctamente. [Imaxe: CC-BY-SA Praza Pública]