A razón de ser inicial en 2000 do maior polígono de Galicia, servir de porto seco con conexión ferroviaria cos peiraos de Vigo, acádase aínda agora, cinco anos despois de que comezasen a instalarse as primeiras industrias
En setembro de 2000 Xunta, Autoridade Portuaria de Vigo e Zona Franca asinaron un convenio para construír a 40 quilómetros da cidade, entre Salvaterra e As Neves, un gran polígono daquela pensado como porto seco con conexión ferroviaria cos peiraos vigueses. A liña de tren entre Vigo e Ourense paralela ao río Miño xa pasaba a carón dos terreos previstos para esa Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), pero é aínda agora cando veñen de rematar os traballos de conexión ferroviaria, cinco anos despois de que comezasen a instalarse as primeiras empresas.
Polo camiño, tras máis de 270 millóns de euros públicos de investimento, a Plisan viviu todo tipo de demoras e erros de xestión, como unha condena do Tribunal Supremo porque un terzo da súa superficie de máis de catro millóns de metros cadrados ocupou terreos con protección forestal, ou unha autovía de acceso pechada durante anos porque remataba no medio dun descampado.
O polígono fora deseñado sobre os planos en 2000 con 4,2 millóns de metros cadrados de superficie, 420 hectáreas equivalentes a outros tantos campos de fútbol. Pero en 2010 o Tribunal Supremo sentenciou que case un terzo desa superficie non debía ser incluída no proxecto porque tiña protección forestal. Ademais, as administracións promotoras tamén recibiron condenas polas reducidas expropiacións que pagaran para facerse cos terreos, xa que indemnizaran pola superficie pero non polos dereitos mineiros que había nunha zona con tradición de canteiras.
A Xunta volveu incorporar á Plisan un millón de metros cadrados que o Supremo excluíra polo seu valor forestal porque ese interese natural xa se perdeu coas obras alí executadas
Para cando chegou a sentenza do Supremo a zona xa era un gran descampado e o seu valor forestal desaparecera, o que posteriormente permitiu ao Goberno galego xustificar a reincorporación de parte daquel espazo ao proxecto. Pero mentres a sentenza do Supremo obrigou a un novo reparto dos terreos que inicialmente ían corresponder por separado a cada unha das tres administracións implicadas, Xunta, Autoridade Portuaria e Zona Franca.
O seguinte modelo de xestión elixido, de propiedade compartida entre as tres administracións, impedía a venta de terreos, restrición legal que afecta ás autoridades portuarias, o que obrigou a novos cambios legais que demoraron a comercialización das parcelas. Así que non foi ata hai cinco anos, máis de dúas décadas despois de anunciarse o proxecto, que comezaron a instalarse as primeiras empresas, atraídas agora non pola intermodalidade inicialmente prevista senón pola dispoñibilidade de grandes superficies para usos industriais.
Pero entre esas industrias xa non estaba un dos proxectos estrela barallados pola Xunta, o dunha fábrica de baterías de Mitsubishi. Esa iniciativa nunca chegou a concretarse tras ser anunciada ao pouco de chegar á presidencia do Goberno galego un Alberto Núñez Feijóo que xa participara anos antes como conselleiro na xestación da Plisan, herdada do seu antecesor Xosé Cuiña.
Coa conexión por autovía rematada e pechada moito antes de que asentasen as primeiras empresas, a conexión ferroviaria chega moito despois
Esa consellería, a de Obras Públicas, sería a responsable doutro dos erros de xestión relacionados coa Plisan. Malia que o polígono non acababa de avanzar e as primeiras empresas non se instalarían nel ata unha década máis tarde, a Xunta rematou en 2013 e deixou pechada e deteriorándose sen uso unha autovía de preto de 5 quilómetros, a AG-51, de conexión coa Autovía das Rías Baixas (A-52).
Con esa conexión viaria xa en funcionamento, quedaba pendente a conexión ferroviaria que estaba na orixe da Plisan. Pero as súas obras non comezaron ata 2023, cando as primeiras empresas xa levaban un par de anos asentándose.
Para chegar á situación actual as administracións públicas implicadas levan investidos cando menos 270 millóns de euros na Plisan. En 2019 Feijóo cifrara en 231 millóns o gastado ata daquela, cifra á que hai que engadir os aproximadamente 40 millóns, sobrecustos incluídos, da conexión ferroviaria agora rematada. Agora está por ver que empresas aproveitan a nova intermodalidade da Plisan.