A Xunta insiste na discrecionalidade para adxudicar os novos buses e a patronal di que é ilegal

Representantes de patronal e sindicatos do transporte reunidos este venres polo PSdeG no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego publicou este venres no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado este xoves polo Consello da Xunta que, segundo salientou o presidente Feijóo, garante a subrogación dos condutores de autobús actuais por parte das novas empresas adxudicatarias do seu novo plan de transporte, un texto co que tenta desactivar a vertente laboral do conflito que mantén aberto con sindicatos e patronal. Porén, o documento contempla que as empresas que resulten adxudicatarias poderán subcontratar ata o 30% dos seus servizos, o que para os sindicatos volve deixar no aire o futuro dos traballadores. Ademais, o acordo hoxe desvelado incide na posibilidade que ten a Xunta de adxudicar discrecionalmente os novos servizos, algo que a patronal considera que a lei non permite para contratos dun importe tan elevado.

“O que queremos é licitar, que haxa concorrencia”, dixo este xoves Feijóo, pero este venres o documento publicado no DOG segue incidindo na posibilidade de contratación directa pola Xunta

En febreiro a Xunta incluíu na lei de acompañamento deste ano varios artigos que a facultan para poder adxudicar “discrecionalmente” a dedo os novos contratos de transporte público cos que a partir de agosto quere unificar no rural o autobús de liña regular co escolar. Este xoves o presidente Feijóo, preguntado por esa posibilidade ou mesmo polo seu uso como baza negociadora para tentar rachar a unidade da patronal, asegurou que non ten intención de realizar esas adxudicacións directas senón que convocará unha licitación aberta. “O que queremos é licitar, que haxa concorrencia”, dixo este xoves o presidente. Pero este venres o documento publicado no DOG segue incidindo nesa posibilidade de contratación directa.

Sobre esa posibilidade de adxudicación directa pola Xunta pronunciouse este venres o presidente da asociación de empresarios maioritaria no sector en Galicia (Transgacar), Carlos García Cumplido, nunha xornada de debate con outros representantes da patronal e dos sindicatos organizada no Parlamento de Galicia polo PSdeG. Alí o representante da patronal asegurou que as leis españolas non permiten adxudicar a dedo contratos dun importe tan elevado como os de transporte. Sobre esa cuestión tamén se pronunciou o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, para quen a xunta se reserva “demasiado poder discrecional que pode utilizar con criterios políticos” e “non técnicos”.

O Goberno galego permitirá a subcontratación do 30% dos servizos e os sindicatos alertan de que iso dificulta a subrogación dos traballadores

Nesa mesma xornada de debate, o representante de UGT, Eladio Romero, advertiu das dúbidas que lles suscita aos sindicatos a posibilidade de que as empresas que resulten adxudicatarias das novas concesións poidan subcontratar parte dos servizos, xa que iso, ao seu xuízo, dificultaría garantir os postos de traballo actuais, como se pretende coa subrogación. E esa posibilidade de subcontratación de ata un 30% dos servizos totais é outra das cuestións introducidas pola Xunta no texto publicado este venres no DOG.

Na tarde deste venres, tras unha nova reunión entre Xunta e sindicatos, as dúas partes transmitiron que tamén chegaran a un principio de acordo sobre as reivindicacións sociais dos traballadores que engadir ao xa acadado en materia de subrogación, mentres que aínda quedan elementos que debater en materia económica, e pediron que a patronal, que o xoves deu por roto o diálogo, tamén dea pasos na negociación. Porén, malia eses avances que se seguen a producir no eido laboral, a folga segue activa e a partir do xoves estenderase a todos os días da semana ademais dos martes e mércores actuais.

Lei aprobada en febreiro que permite á Xunta adxudicar o novo modelo de transporte con total discrecionalidade CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.