Caixa Rural Galega bateu en 2021 o seu máximo de beneficios, crédito e persoal

Asemblea xeral da Caixa Rural Galega para abordar os resultados do 2021, este 14 de maio na súa sede central, en Lugo © Caixa Rural Galega

Caixa Rural Galega, a única entidade financeira do país que sobreviviu como tal á vaga de peches, fusións e rescates da pasada crise financeira, vén de bater novos récords positivos nos seus principais indicadores de funcionamento e xestión. A asemblea xeral da cooperativa de crédito, celebrada este 14 de maio na súa sede central de Lugo tras cinco xuntas preparatorias (Alfoz, Sarria, Vilagarcía, Monforte e Lugo) deu o visto e prace a unhas contas anuais que anotan 6,32 millóns de euros de beneficios, un novo máximo que cadra tamén con novos crecementos en depósitos, persoal ou créditos e no total do volume de negocio (1.588,5 millóns).

Os depósitos da entidade cooperativa superan por primeira vez os 1.500 millóns (+20%) e o crédito acada os 784 tras medrar un 11%

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, o crecemento do 10% en beneficios logrado pola Caixa Rural Galega no pasado ano sitúa 2021 como o noveno ano consecutivo de mellora de resultados económicos. Faino nun ano no que, atendendo ao informe presentado na asemblea polo presidente da entidade, Manuel Varela, os depósitos da clientela superaron por primeira vez os 1.500 millóns de euros (un 20% máis) mentres o crédito concedido se achega aos 800 millóns (784,7 unha alza do 11%).

Asemade, o máximo responsable de Caixa Rural Galega resalta no informe que, "aínda que levamos moito tempo no que os depósitos non son especialmente rendibles", o seu crecemento indica "un alto nivel de confianza na nosa entidade que valoro dun xeito moi especial". Todo, nun ano no que a cifra de socias e socios da cooperativa de crédito seguiu a medrar, ata achegarse aos 20.000.

Segundo o devandito informe, practicamente a metade do investimento crediticio da Caixa Rural está en mans de clientela particular (46,6%) e o segundo maior continxente (42,44%) manéxano pequenas e medianas empresas e mais profesionais autónomos. A promoción ou construción inmobiliaria fica no 6,5% nunha distribución do risco crediticio que se completa cun 2,9% a grandes empresas e un 1,6% a administracións públicas. Todo, nun contexto no que a ratio de morosidade fica no 2,65% (case un punto menos).

Como en anos anteriores a entidade cooperativa aumenta tamén o seu cadro de persoal de xeito moderado. Agora conforman o seu cadro de persoal 159 persoas (68 homes e 91 mulleres, unha máis que ao peche de 2020), o que supón vinte persoas máis que hai unha década. 

Outro intre da asemblea xeral da Caixa Rural Galega para abordar os resultados do 2021, este 14 de maio © Caixa Rural Galega

Caixa Rural advirte das consecuencias da inflación e pon o foco no seu impacto no sector agrogandeiro

Con todas estas cifras sobre a mesa, Caixa Rural Galega considerou no marco da súa asemblea xeral que o 2021 foi un "bo ano, pero menos do previsto". "Aínda que o consumo aumentou considerablemente", o crecemento "moderouse" por mor de factores como "o aumento do prezo da enerxía, dos combustibles e das materias primas". O incremento da inflación, resaltan, esperábase como "transitorio", se ben "pode ser máis persistente do que pensabamos" nun 2022 con retos "aínda maiores" derivados das consecuencias da invasión rusa na Ucraína, "un drama humano ao que hai que engadir consecuencias económicas aínda difíciles de cuantificar".

"Seguimos convencidos da necesidade dunha banca diferente, con oficinas abertas, manténdoas todas e coa vontade de seguir abrindo estratexicamente algunha máis"

Neste sentido, o presidente da Caixa Rural resalta especificamente as consecuencias da guerra na Ucraína para un dos sectores cos que máis directamente traballa a entidade, o agrogandeiro. Así e todo, agrega, "na nosa entidade xa demostramos que sabemos superar as dificultades" nun contexto no que, asegura, continuarán desmarcándose da tendencia das grandes entidades financeiras, que "seguen pechando oficinas".

"Nos últimos cinco anos, os bancos españois pecharon unha de cada tres sucursais", resalta Varela. "O peor -agrega- é que están pechando onde as persoas son maiores, menores rendibles, pero máis vulnerables, as que máis precisan dunha oficina próxima". "Por iso", mantén, "na nosa entidade seguimos convencidos da necesidade de facer unha banca diferente, centrada nas persoas, con oficinas abertas todo o día e mantendo todas as oficinas" e "coa firme vontade de seguir abrindo estratexicamente algunha máis". 

Actualmente, Caixa Rural Galega ten 48 oficinas. Trinta e catro delas están na provincia de Lugo, seis na de Ourense, cinco na de Pontevedra e tres, na da Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.