O pasado mes de xaneiro, Endesa ratificaba a súa decisión de pechar de vez a súa central térmica nas Pontes ante a nula viabilidade medioambiental e económica da queima de lodos e biomasa que a empresa probara como alternativa nos meses anteriores. Prevista a clausura para antes de 2022, a multinacional contaba con ter a autorización para finais do pasado mes de xuño, pero o complexo proceso de desmantelamento e a abondosa documentación e permisos necesarios adiaron as intencións. Agora, pouco despois de cumprirse dous anos desde que anunciara que aceleraba o feche e tras estar inoperativa desde xullo, a empresa prepárase para volver queimar carbón no caso de que así llo requira Red Eléctrica Española.
Endesa mercou hai unha semana carbón -máis de 60.000 toneladas- para poder utilizalo na central térmica, segundo confirmaron fontes sindicais a varios medios. Chegará ao porto exterior de Ferrol en novembro e de aí viaxará ás Pontes. Son os preparativos ante a posibilidade de que a crise enerxética que sofre toda Europa e a chegada do frío obriguen a tirar da fonte máis cara e contaminante en pleno proceso de transición enerxética e de clausura das centrais deste tipo en España.
A suba imparable dos prezos maioristas da electricidade, as posibles restricións nun mercado do gas disparado e as paradas nas térmicas provocan esta medida
A suba imparable dos prezos maioristas da electricidade, as posibles restricións nun mercado do gas disparado e as previsibles paradas de centrais térmicas provocan esta medida, pensada para que os dous grupos operativos que ainda ten a central das Pontes -os outros dous xa non están dispoñibles- poidan volver queimar carbón.
Non será, en todo caso, unha marcha atrás na decisión de peche da empresa, que vai acompasada co plan do Goberno central de substituír o carbón, por ser combustible fósil altamente contaminante polas emisións de CO2, por outras fontes limpas. 2030 era o horizonte para a fin da queima deste mineral, pero a escasa rendibilidade fixo apurar as enerxéticas sobre unha decisión que era tan sabida como agochada.
Nos últimos meses, Endesa non fixo máis que ratificar un camiño emprendido hai tempo e sen volta atrás, pero tamén a falta dun plan alternativo por parte empresarial e das administracións para a pregoada transición sustentable e xusta cos empregos, ademais da confirmación de que as voces expertas adoitan ser acaladas ante o temor ao castigo político.
A multinacional víñao advertindo e confirmouno cando puxo data á fin da central das Pontes: antes de 2022. No nadal de 2019, xa solicitara formalmente o peche, aínda que sempre advertindo dunha posible marcha atrás, de seren viables as probas con biocombustibles, algo que era case unha quimera. Sabíano ou intuíano todos. Da primeira vez, Endesa negou a rendibilidade económica, pero as administracións presionaron para gañar, outra vez, tempo e manter a esperanza dunha alternativa. Ata que o reloxo non deu máis e a multinacional cumpriu coas datas que xa sinalara.
Agora, xa nas últimas, a central podería volver queimar carbón. Sería a última fumareda para unhas instalacións nas Pontes cuxo desmantelamento está cifrado en 48,5 millóns de euros e inclúe mesmo a voadura das chemineas, símbolos industriais dunha época que remata e da que semella que non se quere deixar nin unha pegada.