O ex-director de Pemex que apadriñou os negocios coa Xunta acepta ser entregado a México e colaborar na investigación

Emilio Lozoya, nunha imaxe institucional da súa etapa como director xeral de Pemex © Pemex

Estréitase o cerco e intensifícanse as pescudas sobre a compra de Barreras por parte de Pemex. Emilio Lozoya, ex-director xeral da petroleira detido en España e impulsor, da man da Xunta, dos principais negocios da empresa en Galicia, aceptou ser extraditado a México para colaborar coa Xustiza daquel país. 

Lozoya, ex-director xeral de Pemex na etapa na que se asinaron os acordos coa Xunta, acepta ser extraditado a México e colaborar coa Xustiza

Así o anunciou este martes o fiscal xeral da República de México, Alejandro Gertz Manero, ao anunciar que Lozoya viña de aceptar entregarse de xeito voluntario ás autoridades mexicanas para esclarecer os feitos que se investigan por actos de corrupción en Pemex. "Iniciaranse de inmediato todas as dilixencias para establecer as responsabilidades de todos os culpables e beneficiarios", advertiu Gertz, que aclarou que iso "inclúe persoas de relevancia ou grupos políticos que se beneficiasen destes despoxos á nación mexicana".

A Fiscalía General de la República (FGR) iniciou xa os trámites para o traslado inminente a México de Lozoya que, segundo o fiscal, ofrecerá toda a súa "colaboración" para clarexar os feitos que lle foron imputados. O ex-director de Pemex, prófugo da xustiza durante meses e detido en Málaga o pasado febreiro, é un dos principais sinalados pola trama de subornos da construtora brasileira Odebrecht. Inhabilitado xa para ocupar cargos públicos durante dez anos no seu país, foi tamén acusado polo Ministerio Fiscal  por delitos como branqueo de capitais no marco da aprobación da compra, por parte da petroleira, de plantas de fertilizantes que, segundo as acusacións, foron adquiridas por grandes sumas de diñeiro malia estaren practicamente crebadas.

A Fiscalía, o Goberno de México e a propia Pemex investigan os negocios da petroleira estatal en Galicia

Pero a Fiscalía, dentro desta operación, investiga tamén a compra por parte de Pemex do 51% do estaleiro galego Barreras en 2014. Non é a única institución que o fai. A propia Pemex, a Secretaría de la Función Pública (SFP) do Goberno de México e a UIF (Unidad de Inteligencia Financiera) levan meses intensificando as pescudas sobre aquela operación, sinalada xa pola Auditoría Superior de la Federación (ASF) --equivalente ao Tribunal de Contas en España-- polas perdas económicas que supuxo, por non ser parte do negocio da empresa pública e pola opacidade e escurantismo dos contratos asinados en Galicia.  

Feijóo insistiu durante semanas en desligar a Lozoya dos negocios de Pemex en Galicia que, non obstante, segundo indicou o propio Executivo galego en 2013 e 2014, o presidente da Xunta en persoa tratou directamente con el. A prensa mexicana sinala o candidato á reelección polo PP como clave nos negocios que Lozoya impulsou en España, mentres que o propio fiscal xeral sinalara o ex-director xeral da petroleira como "símbolo" da corrupción da etapa de Peña Nieto á fronte do Executivo azteca

Entre os sinalados pola Fiscalía están tamén Carlos Roa ou Carrera Panizzo, os outros directivos que negociaron os acordos coa Xunta

O intento de Pemex de vender a súa participación en Barreras ao final do mandato do ex-presidente Peña Nieto puxo en aviso aos novos responsables da petroleira coa chegada de López Obrador á presidencia. A empresa estatal ordenou unha investigación interna que acabou cunha denuncia ante a Fiscalía. Entre os sinalados, o xa detido Lozoya, pero tamén Carlos Roa ou José Manuel Carrera Panizzo, os outros directivos que negociaron os acordos coa Xunta, que incluíron a promesa de vinte barcos, plataformas loxísticas e futuras colaboracións que quedaron en dous floteis e unha espiral de investigacións por corrupción

Feijóo, con Emilio Lozoya en instalacións de Pemex en Ciudad de México en marzo de 2014 CC-BY-SA Xunta

En varias informacións sinálase como punto de inicio de todo a relación do ex-presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, co ex-presidente mexicano, Enrique Peña Nieto, e aquelas viaxes a México en 2012, a onde tamén acudiu Núñez Feijóo entre críticas da oposición galega pola falta de información. "A operación de inxección de Pemex neste estaleiro [por Barreras] chegou a niveis presidenciais", destacan artigos que insisten na intención de axudar o naval galego en plena crise, mesmo mercando unha empresa para outorgarlle carga de traballo sen necesidade de concurso ningún. 

A operación en Barreras, explican, supuxo unha perda duns 50 millóns de dólares para a petroleira. A Fiscalía mexicana, tal e como advertiu a ASF, investiga agora se aqueles acordos en Galicia deberon ser levados a cabo por Pemex ou se houbo algún aspecto irregular neles. 

Feijóo, nas súas primeiras declaracións tras a detención, insistiu en "aclarar" que o primeiro acordo da Xunta con Pemex foi asinado baixo o mandato do antecesor de Lozoya, aínda que tanto a adxudicación dos dous floteis como a compra de Barreras foron rubricadas co directivo agora encarcerado á fronte de Pemex

A adxudicación dos dous floteis a estaleiros galegos e a compra de Barreras foron rubricadas don Lozoya á fronte de Pemex

O estaleiro Barreras foi adquirido por Pemex co obxectivo de construír buques especializados para México e capitalizar o desenvolvemento tecnolóxico do sector naval galego na industria petroleira mexicana. A Auditoría Superior da Federación (ASF) cuestionou nun dos seus informes esta compra por supor un investimento nun sector produtivo que non lle correspondía e que supuña perdas. 

Tal e como lembrou a propia petroleira, Pemex mercou pero non asumiu ningunha responsabilidade nas decisións do estaleiro ata que, anos despois, entrou en quebra. E advertiu de que os floteis construídos en Galicia "nunca foron utilizados na súa máxima capacidade" e que non puideron ser vendidos ao ser construídos cun prezo moito máis alto do que marcaba o mercado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.