Fálase
Heredeiros da Crus estrea un himno contra a mina de Touro que din que cantarán "todo o verán" para amosar o seu rexeitamento ao proxecto mineiro previsto a 15 km de Compostela. O tema é unha versión do Hallelujah, de Leonard Cohen.
O Goberno pon en marcha a recuperación da sanidade universal. O Executivo de Pedro Sánchez dará marcha atrás ás medidas do PP que limitaban o acceso aos servizos sanitarios a persoas estranxeiras e migrantes. Está a contalo eldiario.es.
A Xunta convoca un concurso para rodar unha película ou serie sobre o Camiño de Santiago cunha subvención de ata 1,5 millóns de euros que cubrirá un máximo do 30% do custo total. A produtora gañadora deberá gastar en Galicia o 110% da axuda recibida, segundo anunciou este xoves Feijóo tras o Consello da Xunta.
O Congreso arxentino aproba a legalización do aborto nas 14 primeiras semanas de xestación por 129 votos a favor e 125 en contra. O debate pasará agora ao Senado.
O Congreso da Arxentina debate a nova lei do aborto no medio de enormes mobilizacións feministas. A 'Campaña Nacional por el Derecho al Aborto Legal, Seguro y Gratuito' está a seguir o debate e as manifestacións nesta conta de Twitter
José Guirao toma hoxe posesión como novo ministro de Cultura en substitución de Màxim Huerta. Guirao é xestor cultural e foi director do Museo Reina Sofía e do espazo cultural La Casa Encendida, ambos en Madrid, entre outras responsabilidades.
O ministro Màxim Huerta anuncia unha comparecencia urxente para as 19:00. Huerta confirmará a súa dimisión tras transcender o caso da fraude fiscal. Durante a mañá subliñou que as cantidades que Facenda lle reclamou xa foran abonadas e inicialmente desbotara o cesamento. Consulta aquí a última hora do cesamento.
O novo ministro de Cultura cometeu fraude fiscal nos exercicios de 2006 a 2008. Segundo El Confidencial, Màxim Huerta evitou neses anos o pagamento de impostos polo seu traballo como presentador a través dunha sociedade da súa propiedade, segundo constataron dúas sentenzas tras as que abonou as cantidades reclamadas. Moncloa desbota o cesamento de Huerta, segundo informa eldiario.es
As vítimas inician os días 4 e 11 de xullo as comparecencias na comisión de investigación sobre Angrois no Congreso. Na segunda xornada están citados tamén o maquinista e o interventor do Alvia. Os grupos acordaron este martes as datas das tres primeiras sesións, que continuarán o 17 de xullo, todas elas con catro comparecencias, dúas pola mañá e dúas pola tarde. Malia que a plataforma de vítimas quería ser a última en intervir para poder matizar con documentos o que digan outros e non ven útil a comparecencia do maquinista e o interventor, PP e PSOE impuxeron que sexan os ex-ministros Blanco e Pastor os que pechen as comparecencias, previsiblemente no outono.