Unha fuga de ácido obriga a intervir aos servizos de emerxencias no polígono do Ceao, en Lugo. Está a contalo El Progreso.
Fálase
Pedro Sánchez e Pablo Iglesias reuníronse este luns na Moncloa para continuaren negociando a investidura do líder socialista como presidente do Goberno de España. Ambas formacións din concordar no que denominan "goberno de cooperación", sen que polo momento existan "avances" sobre a composición concreta do Executivo. É unha información de eldiario.es
O BNG confirma a distribución das súas áreas do goberno de coalición de Lugo que encabeza a socialista Lara Méndez. Rubén Arroxo dirixirá a áreas de Tenencia de Alcaldía e Mobilidade con Alexandre Penas como edil de Infraestruturas. Maite Ferreiro será concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Cristina López de Participación e Servizos á Veciñanza e Felipe Rivas, de Educación. Nestes días os gobernos constituídos o pasado sábado están a ultimar a súa organización.
Prisión incondicional para o home e a muller detidos en Vigo acusados de pertenza a organización terrorista, tenza de explosivos e falsidade, baixo procura policial dende 2006 e mais para outras dúas persoas acusadas como colaboradoras. As forzas de seguridade denominaron o operativo como Operación Lusista contra Resistencia Galega.
Alcoa e o fondo suízo Parter Capital acadan un preacordo de venda das fábricas da Coruña e Avilés. O Goberno central asegura que garante “o mantemento do 100% dos postos de traballo e das capacidades produtivas das dúas plantas”. Consulta aquí toda a información
Malraio, De Vacas, Agoraphobia, Miss Bolivia ou Kumbia Queers, no programa Atardecer no Gaiás que a Cidade da Cultura presentou este martes xunto ao resto da súa programación de verán.
Persoal de Alcoa péchase na Delegación do Goberno central en Galicia, na Coruña, "ata que o Ministerio de Industria cumpra os seus compromisos" como "valedor dos investimentos" nas factorías e dea "garantías para o mantemento do emprego". "Están a desentenderse das súas obrigas", afirman na xornada en que o Ministerio de Industria expón as ofertas de compra aos gobernos de Galicia e Asturias.
O Ministerio de Industria expón hoxe aos gobernos galego e asturiano a oferta do fondo suízo Parter para mercar as factorías de Alcoa na Coruña e Avilés, que o persoal xa coñece. Mentres, os traballadores de Alcoa e o resto de industrias electrointensivas reclaman un marco eléctrico que asegure o seu futuro.
76 membros e ex-membros do Parlamento Europeo, entre eles Ana Miranda (BNG), acusan as autoridades españolas de "vulnerar os dereitos fundamentais" de Junqueras, Puigdemont e Comín por non lles permitir completar a súa acreditación como eurodeputados electos.
Suspendidos cautelarmente de militancia os edís do BNG en Catoira que chegaron ao goberno o pasado sábado co apoio do PP. "Non imos avalar a situación deste concello nin ningún acordo tácito ou explícito co Partido Popular", advertiu en rolda de prensa Ana Pontón.