Vigo, Santiago e Pontevedra xa asignaron áreas de goberno e o resto de cidades ultiman as súas

Despacho do alcalde de Ourense © Democracia Ourensana

A lei dá 30 días aos alcaldes e alcaldesas tras as súas investiduras para convocar un ou varios plenos extraordinarios nos que informen do reparto de áreas nos seus gobernos municipais e establezan a organización interna de cada concello

Investidos os alcaldes e as alcaldesas o pasado sábado, agora toca establecer as estruturas de goberno de cada concello e designar as persoas encargadas de cada área, algo que nas cidades de Vigo, Santiago e Pontevedra xa está claro mentres que no resto a situación oscila entre a de Lugo, onde xa está asinado o acordo de goberno entre PSdeG e BNG e falta concretar os nomes para cada área, e a da Coruña, onde o reparto de áreas e a organización municipal en xeral quedou pendente de que PSdeG retome conversas con Marea Atlántica.

A lei establece que “dentro dos trinta días seguintes ao da sesión constitutiva, o alcalde convocará a sesión ou sesións extraordinarias do Pleno da Corporación que sexan precisas” para aprobar cuestións como a periodicidade de sesións do Pleno, o nomeamento de representantes da Corporación nos órganos colexiados nos que deba estar representada ou informar dos seus nomeamentos de tenentes de alcalde, membros da comisión de goberno e delegacións de áreas de goberno, así como establecer os soldos e organización interna de cada Concello. A falta de 28 días para que se cumpra ese prazo, isto é o que se sabe da composición dos gobernos nas sete cidades galegas:

Primeira sesión da xunta de goberno de Vigo do cuarto mandato de Abel Caballero © Concello de Vigo

Vigo

A amplísima maioría absoluta que ten Abel Caballero permitiralle mesmo prescindir dalgún dos seus 20 concelleiros para que se dediquen á Deputación de Pontevedra e non tanto ao Concello

En Vigo a amplísima maioría absoluta que ten Abel Caballero permitiralle mesmo prescindir dalgún dos seus 20 concelleiros para que se dediquen á Deputación de Pontevedra e non tanto ao Concello. Este luns xa celebrou a primeira xunta de goberno do seu cuarto mandato e fixo público este reparto de responsabilidades:

  • Abel Caballero, alcalde
  • Carmela Silva, primeira tenente de alcalde e área de Patrimonio Histórico
  • Javier Pardo, segundo tenente de alcalde e áreas de Fomento ou Vías e Obras, Servizos, Limpeza, Transportes e Auga
  • Elena Espinosa, terceira tenente de alcalde e áreas de Economía, Seguridade e Réxime Interior
  • María José Caride, cuarta tenente de alcalde e áreas de Urbanismo e Territorio
  • Abel Losada, áreas de Cultura, Emprego e Participación Cidadá
  • Ana María Mejías, áreas de I+D e Dinamización Administrativa
  • Carlos López Font, portavoz e coordinador do goberno local
  • Jaime Aneiros, área de Facenda
  • Manel Fernández, área de Deportes
  • Yolanda Aguiar, áreas de Política Social e Candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade
  • Patricia Rodríguez, áreas de Contratación, Patrimonio e Xestión Municipal
  • Ángel Rivas, áreas de Parques e Xardíns, Comercio e Festas especiais
  • Nuria Rodríguez, área de Medio Ambiente
  • Gorka Gómez, áreas de Xuventude e Educación
  • Uxía Blanco, áreas de Igualdade e Normalización Lingüística
  • María Lago, áreas de Festas e Turismo

Os concelleiros Santos Héctor, Isaura Abelairas e Ana Laura Iglesias non terán área asignada e serán propostos como deputados provinciais, xunto con Carmela Silva, candidata a presidir a Deputación, Carlos López Font e Gorka Gómez.

A Coruña

O reparto de áreas na Coruña espera a que se retomen as negociacións entre PSdeG e Marea Atlántica

No Concello da Coruña o reparto de áreas de goberno e os nomeamentos para cada posto aínda deberán agardar ás negociacións que o PSdeG prevé retomar esta semana con Marea Atlántica e BNG, que xa ten claro que non vai entrar no goberno. Os socialistas, que barallan desde gobernar en solitario en minoría ata facelo en coalición ou chegar a acordos puntuais, asumen que tras a investidura de Inés Rey como alcaldesa o tempo corre e que sen decidir a organización concreta do goberno municipal e da estrutura do concello o mandato non empezará de xeito efectivo.

Ines Rey e Xulio Ferreiro no primeiro encontro para o traspaso de poderes o pasado martes © Concello da Coruña

Ourense

O pacto xenérico divulgado entre Jácome e Baltar para o Concello e a Deputación de Ourense non concreta aínda o reparto de áreas

En Ourense a investidura como alcalde de Gonzalo Pérez Jácome, líder de Democracia Ourensana, foi posible o sábado tras divulgar a última hora do venres esa formación e o PP o pacto xenérico ao que chegaron a cambio de que DO apoie aos populares dentro duns días na Deputación de Ourense. Porén, ese acordo marco non concretou o reparto de áreas no Concello, pendente aínda de coñecerse e que podería comezar a ser concretado este martes.

Lugo

En Lugo PSdeG e BNG xa divulgaron a pasada semana o seu acordo de goberno en coalición pero aínda está pendente de coñecerse o reparto de áreas

Ao igual que en Pontevedra, a outra cidade que cogobernarán, PSdeG e BNG fixeron público a semana pasada o acordo programático para Lugo. Neste caso, malia que se debaullaron en detalle as principais actuacións a acometer, aínda non se concretou o reparto concreto de áreas municipais e os nomes dos concelleiros que asumirán cada unha. 

Méndez e Arroxo e mais Lores e Fernández, asinando cadanseus pactos de goberno CC-BY-NC-SA PSdeG / BNG

Pontevedra


En Pontevedra BNG e PSdeG non só divulgaron xa a pasada semana o seu acordo de goberno senón tamén o reparto de áreas

O goberno local formado por BNG e PSdeG xa fixo público a semana pasada non só o seu acordo de goberno senón tamén o reparto de áreas

  • Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), alcalde
  • Agustín Fernández (PSdeG), primeiro tenente de alcalde e áreas de Educación, Deportes e Saúde
  • Anabel Gulías (BNG), Promoción da Cidade, Contratación, Xestión de Fondos 
  • Anabel Gulías (BNG), Promoción da Cidade, Contratación, Xestión de Fondos Edusi e Grandes Eventos Deportivos
  • Xaquín Moreda (BNG), áreas de Urbanismo e Patrimonio Histórico
  • Demetrio Gómez (BNG), áreas de Obras Urbanas e Transporte Público
  • César Mosquera (BNG), áreas de Ordenación do Territorio e Infraestruturas
  • Carme da Silva (BNG), Patrimonio Municipal e Auga
  • Eva Vilaverde (BNG), área de Espazos Públicos Urbanos
  • Raimundo González (BNG), áreas de Economía, Facenda, Persoal e Residuos
  • Paloma Castro (PSdeG), áreas de Benestar e Igualdade
  • Gloria Blanco (PSdeG), áreas de Promoción Económica, Turismo e Universidade
  • Iván Puentes (PSdeG), áreas de Desenvolvemento Sostible e Medio Rural

Santiago

Investido como candidato máis votado sen lograr maioría, Bugallo está disposto a gobernar Santiago en minoría e este luns xa repartiu as áreas de goberno

En Santiago o socialista Xosé Sánchez Bugallo foi investido alcalde por ser o candidato máis votado, pero sen lograr maioría. Malia a iso, está disposto a gobernar en solitario e este luns xa fixo pública a composición do seu goberno:

  • Xosé Sánchez Bugallo, alcalde e áreas de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Mercados
  • Mercedes Rosón, primeira tenente de alcalde e áreas de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural
  • Gumersindo Guinarte, segundo tenente de alcalde, Delegado do Ano Santo 2021 e áreas de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo
  • Milagros Castro, terceira tenente de alcalde e áreas de Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente, Parques e Xardíns
  • Gonzalo Muíños, cuarto tenente de alcalde e áreas de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas
  • Marta Abal, quinta tenente de alcalde e áreas de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local
  • José Manuel Pichel, área de Medio Rural
  • Noa Díaz, áreas de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas
  • José Javier Fernández, áreas de Centros Socioculturais, Barrios e Obras
  • Esther Pedrosa, áreas de Deportes e Benestar Animal
Bugallo presidiu este luns a primeira xunta de goberno do mandato © Concello de Santiago

Ferrol

O socialista Ángel Mato foi investido co apoio de Ferrol en Común e BNG pero aínda non se concretaron as negociacións para o goberno local

En Ferrol o socialista Ángel Mato foi investido alcalde o sábado co apoio tamén de Ferrol en Común e BNG. Porén, máis alá da investidura e de contactos “informais” privados e por separado con esas dúas forzas políticas, non houbo aínda grandes avances de cara á posible formación dun goberno bipartito ou tripartito nin tampouco ningunha aposta tan clara para gobernar en solitario como a dos socialistas de Santiago. A Mato, como a Rey na Coruña, a Jácome en Ourense ou en menor medida a Méndez en Lugo, quédanlle catro semanas por diante para concretar como será o seu goberno. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.