Falece o deputado do PSdeG por Ourense Raúl Fernández. Así o vén de confirmar o Grupo Parlamentario Socialista, que amosa "o máis sincero agarimo para acompañar a súa familia e amigos no momento máis difícil". "Raúl foi un exemplo de honestidade, bo facer, traballo e dedicación ao longo de toda a súa traxectoria profesional e política, ademais de un compañeiro insubstituíble neste Grupo Parlamentario", agregan. O Parlamento vén de declarar loito oficial polo seu pasamento.
Fálase
Villares anuncia a ruptura do grupo parlamentario de En Marea no Parlamento galego: o ata agora voceiro e outros tres deputados marchan ao Grupo Mixto, segundo vén de revelar en rolda de prensa. Villares coida que o grupo xa "só representa" a Podemos. Consulta toda a información nesta ligazón
O xornal Gciencia e o proxecto 21 Días co Galego, gañadores dos Premios Rosalía de Castro de promoción da lingua galega. Os galardóns concédeos a Deputación da Coruña. Na imaxe, o xurado do galardón.
Iván Ferreiro, Rozalén, Banda Xangai, Furious Monkey House ou Xosé Lois Romero e Aliboria, entre as principais citas musicais das Festas da Peregrina de Pontevedra, que se celebran o vindeiro agosto co pregón do xornalista Manuel Jabois. O Concello pontevedrés vén de divulgar o programa das súas citas festivas do verán, podes consultalo íntegro nesta ligazón.
Facebook anuncia o lanzamento da súa propia 'moeda' para pagar a través das súas aplicacións. Esta divisa privada recibe o nome de Libra e, de inicio, terá un valor baseado no dólar. Depende formalmente dun consorcio empresarial con sede en Suíza.
A ex-voceira do goberno de Baltar será a primeira deputada de Ciudadanos na Deputación de Ourense. Montse Lama dimitiu do seu posto no goberno de Baltar e abandonou o PP o pasado maio; dende o pasado 26M é concelleira por C's en Xinzo de Limia, onde antes o fora polos populares.
A Liga de Fútbol Profesional (LFP) impide ao Concello da Coruña colocar o vindeiro domingo pantallas xigantes para seguir o segundo partido da final na que o Dépor xoga o ascenso á Primeira. Así o vén de confirmar a alcaldesa da cidade, Inés Rey, na presentación do dispositivo de seguridade do San Xoán, celebración que desta volta cadra co crucial partido do conxunto coruñés fronte ao Mallorca. Recólleo Radio Coruña (Imaxe: Concello da Coruña)
Unha fuga de ácido obriga a intervir aos servizos de emerxencias no polígono do Ceao, en Lugo. Está a contalo El Progreso.
Pedro Sánchez e Pablo Iglesias reuníronse este luns na Moncloa para continuaren negociando a investidura do líder socialista como presidente do Goberno de España. Ambas formacións din concordar no que denominan "goberno de cooperación", sen que polo momento existan "avances" sobre a composición concreta do Executivo. É unha información de eldiario.es
O BNG confirma a distribución das súas áreas do goberno de coalición de Lugo que encabeza a socialista Lara Méndez. Rubén Arroxo dirixirá a áreas de Tenencia de Alcaldía e Mobilidade con Alexandre Penas como edil de Infraestruturas. Maite Ferreiro será concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Cristina López de Participación e Servizos á Veciñanza e Felipe Rivas, de Educación. Nestes días os gobernos constituídos o pasado sábado están a ultimar a súa organización.