Rishi Sunak será o novo primeiro ministro do Reino Unido despois de impoñerse nas primarias do Partido Conservador tras a retirada de Boris Johnson e a falta de avais de Penny Mordaunt. O sucesor de Truss foi ministro de Economía con Johnson e convértese no primeiro gobernante de ascendencia asiática no país e o quinto líder conservador nos últimos seis anos.
Fálase
A Coruña será a cidade que apoiará a Xunta para acoller a Axencia Estatal de Intelixencia Artificial en Galicia. Así o vén de anunciar o director de Amtega logo da reunión do Nodo Galego de Intelixencia Artificial celebrada esta mañá para analizar o informe sobre a mellor localización en Galicia da futura sede.
A proba do novo sistema de alertas de Protección Civil en teléfonos móbiles será en Galicia este xoves, 27 de outubro. O Ministerio do Interior explica que "soará nalgúns teléfonos móbiles, acompañado de vibración" e especificará "que se trata dunha mensaxe de proba", polo que "non hai que facer nada especial". O coñecido como "112 inverso" é un sistema que queda "á disposición das autoridades de protección civil de ámbito estatal e autonómico" para trasladar alertas inmediatas á poboación dunha determinada zona en caso de "emerxencias ou catástrofes"
Loito oficial este luns en Vigo na memoria da muller asasinada este domingo a coiteladas por un veciño este domingo na rúa Zamora. "Trasladamos o noso pésame á familia e amosamos o noso rexeitamento a un crime tan terrible", sinala o goberno local vigués.
O martes chega unha nova fronte que traerá ventos fortes no mar, con alerta amarela na Costa da Morte e nas Rías Baixas, e refachos igualmente fortes nas zonas altas que levarán a alerta amarela ás montañas de Lugo e Ourense, segundo indica Meteogalicia. O luns será un día de transición, con menor incidencia de choivas e vento en todo o país.
Meteogalicia tamén explica que este domingo as chuvias se están a organizar "en bandas aliñadas co vento". Un fenómeno frecuente en Galicia tras o paso dunha fronte con ventos do suroeste.
A Cidade da Xustiza de Vigo recibe aos primeiros órganos xudiciais este luns, segundo informa a Xunta de Galicia, un proceso que ten previsto rematar na primeira semana de abril de 2023. Os primeiros en trasladarse serán os dous do Contencioso-Administrativo. "A actividade xudicial verase minimamente afectada e non haberá que suspender os xuízos xa programados", traslada o Goberno galego. Desde xullo do ano pasado 5.000 persoas acudiron ás visitas guiadas para coñecer o proxecto arquitectónico.
A Unión do Povo Galego homenaxea a Bautista Álvarez no quinto aniversario do seu pasamento. Un acto que ten lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago, coa presencia da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coa clausura a distancia do secretario xeral da UPG e deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, e a participación doutros dirixentes da formación e militantes. Nesta lembranza histórico política do que foi fundador da UPG destacan "o seu papel fundamental na elaboración teórica e conceptual do nacionalismo galego contemporáneo”. [Fotografía © Rubén Cela]
A Xunta activa a alerta laranxa polo temporal en toda a costa galega. A Dirección xeral de emerxencias e interior da Vicepresidencia segunda decidiu na mañá deste sábado ampliar a alerta laranxa por temporal costeiro ao noroeste da Coruña e á provincia de Lugo. Este aviso de seguridade xa estaba vixente nos litorais de Pontevedra e nos das zonas oeste e suroeste da Coruña.
Desde Meteogalicia piden precaución especialmente na segunda metade do día porque se esperan fortes ventos e moita choiva. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, no noroeste da provincia da Coruña comezará o peor deste fronte adverso nas últimas horas do día de hoxe con vento do sur ou suroeste de forza 8, ocasionalmente 9 entre Ortegal e Bares, e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de ata 6 metros, e temporalmente de ata 7 metros entre Vilán e Sisargas.
No litoral de Lugo, segundo AEMET, a alerta activarase a primeiras horas do domingo con vento do suroeste forza 8 ao oeste de Burela e mar combinada do oeste ata 6 metros en Bares e mar adentro. Nestas circunstancias, desde a Xunta lémbrase a importancia de manterse afastado de diques, rompentes e paseos marítimos.
O Servicio operativo de extinción de incendios forestales de Andalucía (Infoca) informa de que foi atopado o corpo do piloto do avión de extinción de incendios forestais desparecido desde este mércores. A subdelegación do Goberno en Ourense confirmou o achado da avioneta na que viaxaba o falecido na ladeira de Pena Trevinca, en coordenadas da demarcación de Zamora. Foi avistada á primeira hora desta tarde por un helicóptero da Xunta de Castela e León, ao que se sumou o Grupo de Rescate e Intervención en Montaña (GREIM) de Trives. A compañía responsable da aeronave, Plysa, trasladou que o piloto se encontraba realizando un voo desde a base de Doade, en Monforte de Lemos, ata unha base de Córdoba, pero tivo que dar a volta por mor das malas condicións meteorolóxicas. Ao mediodía do mércores perdeuse a conexión co monoplaza modelo Thrush 710P e desde entón se buscaba a aeronave entre Ourense e Zamora. Desde o Goberno do Estado manifestouse o pésame á familia e achegados do piloto andaluz e extendeuse un agradecemento para todos os efectivos implicados na súa busca.
Os gobernos español, portugués e francés pactan a construción dun hidroduto submarino entre Barcelona e Marsella, destinado a transportar hidróxeno pero temporalmente dedicado ao gas. Esta infraestrutura substituiría ao gasoduto MidCat e os gabinetes de Pedro Sánchez, António Costa e Emmanuel Macron aspiran a lograr financiamento da UE para a súa construción no marco da actual crise enerxética. Na imaxe, os tres mandatarios este xoves en Bruxelas [© Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa]