A Cidade da Xustiza de Vigo recibe aos primeiros órganos xudiciais este luns, segundo informa a Xunta de Galicia, un proceso que ten previsto rematar na primeira semana de abril de 2023. Os primeiros en trasladarse serán os dous do Contencioso-Administrativo. "A actividade xudicial verase minimamente afectada e non haberá que suspender os xuízos xa programados", traslada o Goberno galego. Desde xullo do ano pasado 5.000 persoas acudiron ás visitas guiadas para coñecer o proxecto arquitectónico.
Fálase
A Unión do Povo Galego homenaxea a Bautista Álvarez no quinto aniversario do seu pasamento. Un acto que ten lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago, coa presencia da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coa clausura a distancia do secretario xeral da UPG e deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, e a participación doutros dirixentes da formación e militantes. Nesta lembranza histórico política do que foi fundador da UPG destacan "o seu papel fundamental na elaboración teórica e conceptual do nacionalismo galego contemporáneo”. [Fotografía © Rubén Cela]
A Xunta activa a alerta laranxa polo temporal en toda a costa galega. A Dirección xeral de emerxencias e interior da Vicepresidencia segunda decidiu na mañá deste sábado ampliar a alerta laranxa por temporal costeiro ao noroeste da Coruña e á provincia de Lugo. Este aviso de seguridade xa estaba vixente nos litorais de Pontevedra e nos das zonas oeste e suroeste da Coruña.
Desde Meteogalicia piden precaución especialmente na segunda metade do día porque se esperan fortes ventos e moita choiva. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, no noroeste da provincia da Coruña comezará o peor deste fronte adverso nas últimas horas do día de hoxe con vento do sur ou suroeste de forza 8, ocasionalmente 9 entre Ortegal e Bares, e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de ata 6 metros, e temporalmente de ata 7 metros entre Vilán e Sisargas.
No litoral de Lugo, segundo AEMET, a alerta activarase a primeiras horas do domingo con vento do suroeste forza 8 ao oeste de Burela e mar combinada do oeste ata 6 metros en Bares e mar adentro. Nestas circunstancias, desde a Xunta lémbrase a importancia de manterse afastado de diques, rompentes e paseos marítimos.
O Servicio operativo de extinción de incendios forestales de Andalucía (Infoca) informa de que foi atopado o corpo do piloto do avión de extinción de incendios forestais desparecido desde este mércores. A subdelegación do Goberno en Ourense confirmou o achado da avioneta na que viaxaba o falecido na ladeira de Pena Trevinca, en coordenadas da demarcación de Zamora. Foi avistada á primeira hora desta tarde por un helicóptero da Xunta de Castela e León, ao que se sumou o Grupo de Rescate e Intervención en Montaña (GREIM) de Trives. A compañía responsable da aeronave, Plysa, trasladou que o piloto se encontraba realizando un voo desde a base de Doade, en Monforte de Lemos, ata unha base de Córdoba, pero tivo que dar a volta por mor das malas condicións meteorolóxicas. Ao mediodía do mércores perdeuse a conexión co monoplaza modelo Thrush 710P e desde entón se buscaba a aeronave entre Ourense e Zamora. Desde o Goberno do Estado manifestouse o pésame á familia e achegados do piloto andaluz e extendeuse un agradecemento para todos os efectivos implicados na súa busca.
Os gobernos español, portugués e francés pactan a construción dun hidroduto submarino entre Barcelona e Marsella, destinado a transportar hidróxeno pero temporalmente dedicado ao gas. Esta infraestrutura substituiría ao gasoduto MidCat e os gabinetes de Pedro Sánchez, António Costa e Emmanuel Macron aspiran a lograr financiamento da UE para a súa construción no marco da actual crise enerxética. Na imaxe, os tres mandatarios este xoves en Bruxelas [© Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa]
Liz Truss dimite despois de 45 días como primeira ministra do Reino Unido e ante as presións internas do propio Partido Conservador, tras unha xestión moi cuestionada na que tivo que retirar boa parte das propostas de rebaixa de impostos lanzadas polo seu Goberno.
Rueda anuncia que a Xunta recorrerá ante o Tribunal Supremo o regulamento de Costas aprobado polo Goberno de España o pasado agosto que limita as concesións de terreos públicos. [Imaxe: Xunta]
O BOE publica hoxe a Lei de Memoria Democrática, que entra en vigor mañá, 21 de outubro. Entre as súas disposicións figura a cancelación de títulos nobiliarios creados pola ditadura para honrar os seus dirixentes e afíns, caso do condado de Fenosa ou do señorío de Meirás. Durante o trámite parlamentario da lei, o PP -que votou "non" ao conxunto do texto- pediu especificamente retirar esa supresión.
- O PP pediu no Congreso e no Senado borrar o artigo da lei de memoria que suprime o condado de Fenosa e o señorío de Meirás
- A Lei de Memoria Democrática suprime o título de conde de Fenosa 67 anos despois
- Da anulación do xuízo a Bóveda á reparación do espolio económico franquista: os retos da Lei da Memoria Democrática
Unha avioneta antiincendios, desaparecida desde a tarde do pasado mércores tras despegar da base de Doade en Sober e ser localizado por última vez cando sobrevoaba a provincia de Ourense en dirección á súa base de Córdoba. O dispositivo de busca céntrase agora na fronteira entre Zamora e Ourense. A empresa propietaria do aparello, Plysa, indica que o último contacto foi no mediodía do mércores e que "se activou o dispositivo de busca" de "forma inmediata". "A preocupación máxima é localizar o piloto e atender os seus familiares", agrega nun comunicado.
A Xunta ordena sacrificar máis de 50.000 visóns dunha granxa tras detectar un foco de gripe aviaria. Segundo informa o Goberno galego nun comunicado, na explotación foron tomadas "mostras para o diagnóstico de varias enfermidades, entre elas a provocada polo virus Sars-Cov-2" e a gripe aviaria", tras aparecer "un número anormalmente elevado de visóns enfermos e mortos". Tras confirmar o foco de gripe aviaria A (H5N1), activou un protocolo que implica matar todos os animais da granxa, "que conta con 8.369 femias reprodutoras e 43.617 crías destetadas", isto é, 51.986 en total. O Goberno non especifica a localización da granxa, da que só indica que se atopa "na provincia da Coruña". Na imaxe, un visón nunha destas granxas [CC-BY-SA TheAnimalDay.org], concibidas para fornecer a industria peleteira.
- HEMEROTECA | O Goberno de España quere pechar antes de 2030 todas as granxas de visón, a gran maioría en Galicia
- HEMEROTECA | Un gromo en Carral eleva a 15 os focos do coronavirus detectados en granxas de visóns en Galicia
- HEMEROTECA | Os riscos asociados á COVID reabren o debate sobre o peche das granxas de visóns en Galicia despois de anos de denuncias