A Xunta activa a alerta laranxa polo temporal en toda a costa galega. A Dirección xeral de emerxencias e interior da Vicepresidencia segunda decidiu na mañá deste sábado ampliar a alerta laranxa por temporal costeiro ao noroeste da Coruña e á provincia de Lugo. Este aviso de seguridade xa estaba vixente nos litorais de Pontevedra e nos das zonas oeste e suroeste da Coruña.
Desde Meteogalicia piden precaución especialmente na segunda metade do día porque se esperan fortes ventos e moita choiva. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, no noroeste da provincia da Coruña comezará o peor deste fronte adverso nas últimas horas do día de hoxe con vento do sur ou suroeste de forza 8, ocasionalmente 9 entre Ortegal e Bares, e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de ata 6 metros, e temporalmente de ata 7 metros entre Vilán e Sisargas.
No litoral de Lugo, segundo AEMET, a alerta activarase a primeiras horas do domingo con vento do suroeste forza 8 ao oeste de Burela e mar combinada do oeste ata 6 metros en Bares e mar adentro. Nestas circunstancias, desde a Xunta lémbrase a importancia de manterse afastado de diques, rompentes e paseos marítimos.