A Xunta aproba a súa oferta de emprego público de 2019. Inclúe 1.543 prazas de acceso libre, 227 de promoción interna e 847 de funcionarización de persoal laboral fixo. A convocatoria de ofertas de emprego de anos anteriores acumulou un importante atraso.
Fálase
Enfrontamentos entre policía e manifestantes na mobilización de persoal de Alcoa e de Ferroatlántica ás portas do Congreso, onde foi detido un manifestante. Os deputados galegos Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez viviron momentos de tensión con algún axente.
A Xunta Electoral de Ourense pide a En Marea presentar avais para poder concorrer ás xerais do 28A ao estimar que a formación non pode considerarse herdeira electoral da coalición de Anova, Podemos e EU que concorreu aos anteriores comicios baixo esta marca. A formación indica xa comezou a recollelos. Precisa algo menos de 400. O 2 de abril son proclamadas definitivamente as candidaturas.
A investigación do 'caso Villarejo' afirma que o roubo dun móbil con datos de Pablo Iglesias foi unha manobra da "organización criminal do Ministerio do Interior" para "extorsionalo e boicotear" un posible pacto de goberno do PSOE con Podemos en 2016. É unha información da Cadena SER.
Theresa May transmite ao seu partido que dimitirá tras a aprobación do seu plan para o Brexit no caso de que isto suceda. Non concreta en que prazos se produciría esa marcha, segundo están a informar diversos medios británicos.
A UE prohibirá os pratos, cubertos e palliñas de plástico dun só uso a partir do ano 2021. O Parlamento europeo aprobou este mércores a medida, que xa fora pactada polos ministros de todos os países membros. A Xunta anunciou o mes pasado a aprobación dunha nova Lei de Residuos que aplicará estas disposicións.
Carlos Blanco recibirá o Premio Pedigree na edición 2019 do Festival de Cans. A organización do certame, que se celebra do 22 ao 25 de maio, fixo públicos hoxe todos os seus galardóns honoríficos deste ano.
A Eurocámara apoia acabar co cambio de hora estacional en 2021. O Parlamento Europeo vota a favor de que cada Estado elixa se quere manter o horario de verán ou o de inverno dentro de dous anos. España anunciara hai só uns días que ía manter a modificación horaria.
O Parlamento Europeo aproba a nova directiva de copyright cos filtros de dereitos de autor para todo o contido en internet. Esta nova normativa é rexeitada por diversos colectivos ao observala como unha restrición de dereitos na rede. Ten que ser integrada nos ordenamentos xurídicos estatais durante os vindeiros dous anos.
Alumnado do IES Carreño Miranda, na cidade asturiana de Avilés, lanza unha campaña para que o Concello dedique unha rúa á pintora vangardista galega Maruja Mallo dentro da súa aposta por incorporar máis homenaxes a mulleres no rueiro.