Theresa May transmite ao seu partido que dimitirá tras a aprobación do seu plan para o Brexit no caso de que isto suceda. Non concreta en que prazos se produciría esa marcha, segundo están a informar diversos medios británicos.
Fálase
A UE prohibirá os pratos, cubertos e palliñas de plástico dun só uso a partir do ano 2021. O Parlamento europeo aprobou este mércores a medida, que xa fora pactada polos ministros de todos os países membros. A Xunta anunciou o mes pasado a aprobación dunha nova Lei de Residuos que aplicará estas disposicións.
Carlos Blanco recibirá o Premio Pedigree na edición 2019 do Festival de Cans. A organización do certame, que se celebra do 22 ao 25 de maio, fixo públicos hoxe todos os seus galardóns honoríficos deste ano.
A Eurocámara apoia acabar co cambio de hora estacional en 2021. O Parlamento Europeo vota a favor de que cada Estado elixa se quere manter o horario de verán ou o de inverno dentro de dous anos. España anunciara hai só uns días que ía manter a modificación horaria.
O Parlamento Europeo aproba a nova directiva de copyright cos filtros de dereitos de autor para todo o contido en internet. Esta nova normativa é rexeitada por diversos colectivos ao observala como unha restrición de dereitos na rede. Ten que ser integrada nos ordenamentos xurídicos estatais durante os vindeiros dous anos.
Alumnado do IES Carreño Miranda, na cidade asturiana de Avilés, lanza unha campaña para que o Concello dedique unha rúa á pintora vangardista galega Maruja Mallo dentro da súa aposta por incorporar máis homenaxes a mulleres no rueiro.
O alcalde de Becerreá anuncia que o seu novo partido se chama Galiciasempre e di situar entre os seus referentes "ao PNV". Manuel Martínez, xa ex-membro do PSdeG, concorrerá con esta marca ás municipais e asegura que a súa formación estará presente en máis concellos da provincia, segundo recolle Radio Lugo
Agora Galiza pide á Xunta Electoral que inste o BNG a mudar o seu lema de campaña electoral para as eleccións xerais "por coincidir co nome" desta organización independentista. "Nom queremos identificar-nos com umha força política afastada do nosso ideário, condicionando poder concurrirmos a processos eleitorais com o nosso nome", din. A solicitude foi rexistrada este luns.
O historiador Carlos Babío non acudirá hoxe á conciliación coa familia Franco, que o denunciou por inxurias e calumnias. "Non conciliarei nada cos Franco; que me demanden e demostrarei que viven na absoluta impunidade", dicía nunha entrevista en Praza.gal.
Os incendios en Chandrexa de Queixa e Lobeira queimaron cadansúas 25 hectáreas, no caso de Lobeira dentro do parque do Xurés e ambos xa foron extinguidos. Dende o serán do domingo trabállase contra outro incendio en Muras, que xa atinxiu a 75 hectáreas. Estes tres son os únicos dos que dá conta Medio Rural este luns. Na imaxe, o lume en Chandrexa (Brigada Marroxo).