O Parlamento tomba o orzamento en Portugal cos votos en contra da dereita, mais tamén do BE e o PCP, e os únicos a favor do PS. O adianto electoral queda agora en mans do presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa.
Fálase
'Nación', de Margarita Ledo, preseleccionada para optar ao mellor documental nos Premios Goya.
Está previsto que na noite deste venres reabra o aeroporto de Khartún, en Sudán, onde permanecen os cinco galegos da banda Baiuca desde o domingo polo golpe de estado militar. Atópanse ben xa que a toma do poder colleunos na embaixada española, onde contan con protección. O mánager do grupo, Alan Queipo, de Raso Estudio, confirma a Praza.gal que traballan co obxectivo de que os galegos poidan subir a un avión de volta en canto se recupere a circulación aérea desde a capital do país. "Estamos intentando que volvan o venres pola noite", asegura Queipo. [Na imaxe © Raso Estudio o percusionista Xosé Lois Romero e o artífice de Baiuca, Alejandro Guillán]
A Assembleia da República de Portugal vota hoxe os Orzamentos Xerais para 2022 e serán previsiblemente rexeitados tras non chegar o gobernante PS a un acordo co PCP ou o Bloco de Esquerda. Se as contas non saen adiante, todo apunta a que o presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa (do conservador PSD) optará por disolver a Asemblea e precipitar un adianto electoral no que o primeiro ministro, o socialista António Costa, xa avanzou que recuncaría como candidato. (Foto: © Assembleia da República)
A Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial de Saúde, conformado polo Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, aproba administrar "unha dose de recordo" de vacina contra a COVID de Pfizer/BioNTech ou Moderna (de ARNm) á poboación que recibiu a vacina monodose de Janssen. Comezará a ser administrada a partir do 15 de novembro, seguindo a prioridade do plan de vacinación e cando pasasen "cando menos tres meses" tras a primeira inxección. Galicia leva recibidas 122.700 doses da vacina de Janssen. Na imaxe (CC BY-SA Xunta), primeiras vacinas de Janssen chegadas a Galicia, o pasado abril.
O PSdeG convoca para mañá, 26 de outubro, ás 23h o debate entre Gonzalo Caballero e Valentín González formoso, candidatos ás primarias pola secretaría xeral que se celebran o vindeiro sábado. Segundo confirma o comité organizador do proceso electoral interno, o encontro desenvolverase na sede nacional do partido e será retransmitido a través de internet a través das súas redes sociais.
O Parlamento aproba unha declaración institucional para expresar "o máis profundo rexeitamento á utilización da expresión Galicia profunda" tras ser empregada por unha xuíza de Málaga entre os argumentos dun auto de medidas provisionais sobre a custodia dun menor, cuxo contido foi adiantado polo xornal La Voz de Galicia o pasado domingo. O texto íntegro da declaración -figura que require a unanimidade da Cámara e que neste caso parte dunha proposta do BNG- pódese consultar na web do Parlamento e a súa lectura polo presidente do Parlamento, na conta de Twitter do grupo parlamentario do Bloque.
Os tres sindicatos maioritarios convocan folga xeral na Mariña o 17 de novembro ante a "crítica" situación da comarca. O paro convocado por CIG, UGT e CCOO será de 24 horas e incluirá unha manifestación, segundo adianta El Progreso.
O PP envía o ex-alcalde de Portomarín ao Senado en substitución de Jesús Vázquez. Juan Serrano foi rexedor de Portomarín dende 2011 e ata a pasada semana, cando presentou a dimisión alegando "motivos persoais" e que a súa empresa require "máis atención", segundo declarou a El Progreso. O PP de Galicia vén de confirmar que é a súa proposta para cubrir o posto de senador por designación autonómica tras a dimisión do antigo alcalde de Ourense.
Un xulgado de Pontevedra desestima o recurso a unha multa de aparcamento dun condutor que alegara argumentando que o sinal incumprido -coa lenda "Agás servizos. Máximo 15 minutos"- estaba só en galego. Un informe da Asesoría Xurídica do Concello pontevedrés detalla que neste caso non se deu o suposto de "indefensión por incomprensión de idioma" que atendera o mesmo xulgado noutros casos.