O Parlamento aproba unha declaración institucional para expresar "o máis profundo rexeitamento á utilización da expresión Galicia profunda" tras ser empregada por unha xuíza de Málaga entre os argumentos dun auto de medidas provisionais sobre a custodia dun menor, cuxo contido foi adiantado polo xornal La Voz de Galicia o pasado domingo. O texto íntegro da declaración -figura que require a unanimidade da Cámara e que neste caso parte dunha proposta do BNG- pódese consultar na web do Parlamento e a súa lectura polo presidente do Parlamento, na conta de Twitter do grupo parlamentario do Bloque.
Fálase
Os tres sindicatos maioritarios convocan folga xeral na Mariña o 17 de novembro ante a "crítica" situación da comarca. O paro convocado por CIG, UGT e CCOO será de 24 horas e incluirá unha manifestación, segundo adianta El Progreso.
O PP envía o ex-alcalde de Portomarín ao Senado en substitución de Jesús Vázquez. Juan Serrano foi rexedor de Portomarín dende 2011 e ata a pasada semana, cando presentou a dimisión alegando "motivos persoais" e que a súa empresa require "máis atención", segundo declarou a El Progreso. O PP de Galicia vén de confirmar que é a súa proposta para cubrir o posto de senador por designación autonómica tras a dimisión do antigo alcalde de Ourense.
Un xulgado de Pontevedra desestima o recurso a unha multa de aparcamento dun condutor que alegara argumentando que o sinal incumprido -coa lenda "Agás servizos. Máximo 15 minutos"- estaba só en galego. Un informe da Asesoría Xurídica do Concello pontevedrés detalla que neste caso non se deu o suposto de "indefensión por incomprensión de idioma" que atendera o mesmo xulgado noutros casos.
O PSdeG convoca o debate entre os candidatos nas primarias á secretaría xeral, Gonzalo Caballero e Valentín González Formoso, para este mércores, 27 de outubro. O encontro, do que resta concretar a hora, desenvolverase na sede nacional do partido, será retransmitido a través de streaming. Celebrarase apenas tres días antes da cita coas urnas.
Feijóo asegura durante un mitin do PP en Marbella que os gobernos do PP en Andalucía e Galicia son modelos en "compatibilizar a defensa da terra e a lealdade ao Estado". O presidente da Xunta e do PP de Galicia, que acompañou o líder dos populares andaluces e titular da Junta, Juan Manuel Moreno mantén que o seu partido ten "un pacto coa xente, non cos partidos que queren vivir da xente". Moreno goberna Andalucía en coalición con Ciudadanos e a súa investidura foi posible cos votos de PP, Ciudadanos e Vox. (Imaxe: PP)
Choque en dúas frontes da coalición do Goberno de España entre PSOE e Unidas Podemos: a reforma laboral, ao sinalar UP inxerencias da ministra de Economía fronte a Yolanda Díaz, e a retirada do escano ao deputado Alberto Rodríguez (UP) por parte da presidenta do Congreso, Meritxell Batet, a instancias do Supremo. Pola retirada do escano, Podemos afirma que se querelará contra Batet. Na imaxe, Díaz e Pedro Sánchez, o pasado 7 de outubro na Moncloa [©Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa]
A Xunta publica no DOG o novo protocolo de medidas pola COVID, o primeiro tras o levantamento da emerxencia sanitaria, que inclúe o incremento ao 100% da ocupación máxima en gran parte das actividades en interiores, o decaemento de boa parte das restricións ás visitas en residencias da terceira idade e a ampliación de horarios e reapertura das barras na hostalería, entre outras medidas.
Sofía e Mateo volveron ser os nomes máis frecuentes das nenas e nenos que naceron en Galicia durante o ano 2020, segundo a estatística publicada polo IGE. Xa o foran no ano 2019. Pódense consultar os datos nesta ligazón. [Imaxe: CC-BY-SA Xunta]
A Xunta reclama que o Estado subvencione as peaxes da AP-53 (Santiago-Dozón) ao xeito da AP-9. A conselleira de Infraestrutura reiterouno acompañada por alcaldes da zona. Trátase da única autoestrada sen descontos e, na etapa de Aznar, o Goberno de España evitou construíla ata que a Xunta de Fraga achegou 60 millóns de euros a fondo perdido.