A Xunta reclama que o Estado subvencione as peaxes da AP-53 (Santiago-Dozón) ao xeito da AP-9. A conselleira de Infraestrutura reiterouno acompañada por alcaldes da zona. Trátase da única autoestrada sen descontos e, na etapa de Aznar, o Goberno de España evitou construíla ata que a Xunta de Fraga achegou 60 millóns de euros a fondo perdido.
Fálase
Un estudo de Twitter conclúe que o algoritmo da rede social "amplifica máis" as mensaxes de opcións políticas de dereitas. O traballo foi realizado con tweets de cargos electos de sete Estados, entre eles os membros do Congreso dos Deputados español. Asegura tamén que "establecer por que se producen estes patróns é unha pregunta significativamente máis difícil de responder". [Imaxe: Jeremy Bezanger / Unsplash]
Goberno de España e PP acordan nomeamentos de diversas institucións que permanecían bloqueadas hai anos, tales como os postos pendentes no Tribunal Constitucional, o Defensor del Pueblo -que será o socialista Ángel Gabilondo-, ou o Tribunal de Cuentas. [Imaxe: © TC]
O portavoz do goberno municipal de Vigo, Carlos López Font, está citado polo Xulgado de Instrución número 5 de Vigo para declarar como investigado pola súa etapa como concelleiro de Seguridade xunto a Antonio Vivero Mijares. Ambos, como responsables do decreto municipal que obrigaba aos bombeiros do concello a traballar en días de descanso, terán que comparecer este venres ás 11.00 horas, segundo informa a CIG, "como investigados por presuntos delitos contra a saúde e os dereitos dos traballadores e prevaricación administrativa".
A central sindical xa conseguira que dito decreto resultase anulado pola xustiza, coa ratificación do TSXG fronte ao recurso presentado polo Concello de Vigo. Delegados da CIG seguiron adiante con este procedemento xudicial ao entender que a decisión dos cargos municipais podía supoñer responsabilidades penais porque ″obrigaba a traballar por decreto os días de descanso, cando realizamos unha actividade moi perigosa na que os descansos entre servizos son moi importantes″. [Foto CC-BY-NC-SA CIG]
Catro curtametraxes galegas foron preseleccionadas para competir na 36 edición dos Premios Goya. No apartado de animación está The Monkey, de Xosé Zapata e Lorenzo Degl’Innocenti. Na categoría de curta documental figuran A comuñón da miña prima Andrea, de Brandán Cerviño e Augas abisais, de Xacio Baño. Xoves de comadres, de Noemí Chantada, foi escollida na categoría de ficción.
As votacións das académicas e académicos decidirán agora as curtas que finalmente compitan na entrega de galardóns que se celebrará o vindeiro 12 de febreiro.
[Imaxe: A actriz Aurora Maestre na curtametraxe Xoves de Comadres CC-BY Islandia Produccións]
Os beneficios de Abanca medran un 46% interanual no terceiro trimestre do ano, ata 210 millóns de euros. Os depósitos que manexa o grupo aumentaron case un 15%, segundo os resultados que vén de facer públicos.
Novo xiro no caso Jimmy: unha testemuña clave identifica o presunto autor da morte do seareiro deportivista. O xuíz pechara o caso en 2018 sen identificar culpable ningún malia as múltiples declaracións e as probas achegadas pola Policía.
A Xunta abre o prazo para que os establecementos que o desexen se adhiran ao seu Bono Cultura e confirma que a cidadanía poderá solicitar dende o 1 de novembro esta achega de 50 euros para a compra de produtos e servizos culturais. A pasada semana, Feijóo defendeu que o bono cultural que ultima o Estado pretende "comprar" votos, pero non así o do Goberno galego.
Jácome asegura que Democracia Ourensana concorrerá ás eleccións xerais e volverá presentarse ás galegas, ás que xa concorrera (de 2005 a 2016) e das que acordara retirarse no pacto con Baltar. O alcalde ourensán, que volve gobernar en bipartito co PP dende o pasado xuño, di que a decisión se debe "á discriminación perpetua de Ourense" nos orzamentos do Estado e da Xunta.
Meteogalicia confirma que "as concentracións dos contaminantes procedentes da erupción volcánica na Palma" que se achegan a Galicia son "absolutamente normais". Segundo indica a Consellería de Medio Ambiente nun comunicado, aínda que o servizo de monitoreo da atmosfera Copernicus proxecta un achegamento da columna de dióxido de xofre do volcán (na imaxe), "non está previsto que estas concentracións cheguen á superficie, é dicir, a nivel de dous metros sobre o chan". "En caso de que os niveis de concentración dalgunha destas emisións se incrementasen nalgún momento, podería detectarse de inmediato", agrega. [Imaxe: Copernicus)