O portavoz do goberno municipal de Vigo, Carlos López Font, está citado polo Xulgado de Instrución número 5 de Vigo para declarar como investigado pola súa etapa como concelleiro de Seguridade xunto a Antonio Vivero Mijares. Ambos, como responsables do decreto municipal que obrigaba aos bombeiros do concello a traballar en días de descanso, terán que comparecer este venres ás 11.00 horas, segundo informa a CIG, "como investigados por presuntos delitos contra a saúde e os dereitos dos traballadores e prevaricación administrativa".
A central sindical xa conseguira que dito decreto resultase anulado pola xustiza, coa ratificación do TSXG fronte ao recurso presentado polo Concello de Vigo. Delegados da CIG seguiron adiante con este procedemento xudicial ao entender que a decisión dos cargos municipais podía supoñer responsabilidades penais porque ″obrigaba a traballar por decreto os días de descanso, cando realizamos unha actividade moi perigosa na que os descansos entre servizos son moi importantes″. [Foto CC-BY-NC-SA CIG]