A Axencia Europea do Medicamento comeza a avaliar a solicitude para administrar a vacina de Pfizer-BioNTech contra a COVID á poboación de 5 a 11 anos de idade.
Fálase
Dimite o alcalde de Portomarín, Juan Serrano (PP). Era rexedor da vila lucense dende 2011 e gobernaba con maioría absoluta, con 5 edís populares fronte a 4 do PSdeG. Xa avanzara que non se ía presentar á reelección en 2023. Está a contalo El Progreso. Na imaxe [CC-BY-SA Xunta], Serrano a principios de 2020.
A esquerda abertzale afirma que o sufrimento das vítimas de ETA "nunca debeu producirse" e trasládalles o seu "pesar e dor". "A ninguén pode satisfacer que todo aquilo sucedese e se prolongase tanto no tempo", subliñan. Vén de facelo nunha declaración realizada por EH-Bildu (coalición) e Sortu (partido) con motivo do décimo aniversario da Conferencia de Aiete, celebrada en vésperas do cesamento da actividade armada da banda terrorista no ano 2011. O texto íntegro pódese consultar nesta ligazón. [Imaxe: EH-Bildu]
- HEMEROTECA (2012) | Paul Rios: "ETA non ten espazo para a volta á violencia"
Unha nova manifestación en Viveiro “Polo futuro da Mariña” volve reclamar solucións ante a desindustrialización da comarca, ameazada entre outras polas crises de Alcoa ou Vestas. Este venres un traballador de Vestas chegou á sede da empresa en Dinamarca como parte das mobilizacións para evitar o peche. [Imaxe: CIG]
A Xunta informa da súa colaboración na posta en marcha no Sahara do “Centro de Cancro de Mama Valeriano Martínez”. O Goberno galego salienta que o centro, en colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, “leva o nome en memoria do conselleiro de Facenda e Administración Pública falecido a semana pasada”.
Felipe González dise honrado de pertencer a “iso que chaman o réxime do 78” no 40 Congreso do PSOE que este domingo revalidará a Pedro Sánchez como secretario xeral.
A declaración da reserva da biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel xa é oficial. O BOE publicou este venres o recoñecemento aprobado pola Unesco o pasado setembro
O debate de política xeral continúa esta mañá co debate e votación das propostas de resolución dos grupos parlamentarios. A sesión pódese seguir ao vivo no web do Parlamento.
O Ministerio de Facenda publica os datos das remuneracións percibidas polos alcaldes e alcaldesas durante o ano 2020. Os datos de Galicia indican que as maiores son as das alcaldías de cinco cidades e que unha ducia de rexedores non cobran. Trinta e cinco concellos non remitiron os datos e doutros catro non figura a información por enviárena sen asinar, segundo sinala o Ministerio. Podes consultar os datos galegos completos na táboa interactiva desta ligazón.
‘Virtudes (e misterios)’ de Xesús Fraga gaña o Premio Nacional de Narrativa 2021 do Ministerio de Cultura. O autor e a súa obra foron protagonistas dun capítulo do podcast Nalingua de VINTE que podes escoitar aquí.