‘Virtudes (e misterios)’ de Xesús Fraga gaña o Premio Nacional de Narrativa 2021 do Ministerio de Cultura. O autor e a súa obra foron protagonistas dun capítulo do podcast Nalingua de VINTE que podes escoitar aquí.
Fálase
A xuíza Pilar de Lara recorre a súa sanción ante o Tribunal Constitucional tras esgotar os recursos ante o Supremo. De Lara, que fora instrutora de macrosumarios como a Operación Pokémon, perdeu a súa praza nos xulgados de Lugo tras sancionala o Poder Xudicial por por atrasar e acumular diversas causas.
A Audiencia Nacional ordena a Alu Ibérica devolver 13 millóns para pagar as nóminas do persoal das antigas fábricas de Alcoa, segundo conta El Periódico de España.
Gonzalo Caballero e Valentín González Formoso presentan o número máximo de avais a cadansúa candidatura nas primarias do PSdeG. Ambos depositan 408 avais este mércores e confírmanse como os dous aspirantes a liderar o partido.
O investimento previsto polo Estado en Galicia aumenta un 29% para 2022 a respecto de 2021 e supera os 1.000 millóns de euros por primeira vez dende 2016. Os Orzamentos Xerais do Estado, que a ministra de Facenda vén de entregar ao Congreso, seguen contemplando tamén, segundo o previsto, os fondos para manter os novos descontos na autoestrada AP-9.
Morre aos 83 anos Paddy Moloney, líder de The Chieftains, Medalla Castelao en 2013. Carlos Núñez, co que compartiu galardón e escenarios durante anos, di que “hoxe a música de Irlanda e a música celta do mundo enteiro chorarán esta perda histórica”.
O BNG homenaxeou este martes os Mártires de Nebra, os cinco labregos que o 12 de outubro de 1916 morreron en Nebra (Porto do Son) por disparos da Garda Civil por protestar contra o pagamento dun imposto que consideraban inxusto. No acto, o deputado Luís Bará destacou que “os galegos e as galegas temos un xene rebelde que racha coa imaxe de pobo pasivo construída desde fora”.
Os orzamentos participativos da cidade da Coruña recibiron 733 propostas. Entre o 18 e 25 de outubro a cidadanía residente no concello poderá votar os distintos proxectos, ben de ámbito municipal, ben no seu distrito, para asignar así a partida de 2,5 millóns de euros destinada a estas iniciativas. Mellora da mobilidade e incremento da vexetación e zonas verdes suman o maior número de propostas.
O escultor, pintor, poeta e artista multidisciplinar Paco Pestana faleceu este luns en Lugo aos 72 anos de idade. Nacido en Castroverde, onde foi nomeado fillo predilecto, acadou proxección internacional coas súas obras, empregando maioritariamente a madeira como material e o rural como temática central. Pestana entendía a arte como unha posta en escena no que o máis importante era cautivar a atención do público. Imaxe: Festival de Poesía Salvaxe de Ferrol
Europarlamentarios galegos reciben en Bruxelas o traballador de Vestas que viaxa en bicicleta desde Viveiro ata Dinamarca polo futuro do emprego na fábrica da Mariña. Representantes de BNG, PSdeG e PP apoian a Alejandro Paleo e os compañeiros, en ruta cara ao país nórdico sede da multinacional. Foto: BNG-Europa.