Destituída a tenente de alcaldía do PP de Baiona por ir nas listas do partido de extrema dereita Vox ás eleccións xerais. "Non se pode estar en dous equipos á vez", subliña o alcalde, Ángel Rodal, sobre María Iglesias. Na fotografía, do Concello de Baiona, Iglesias e Rodal nunha imaxe de arquivo.
Fálase
Volve o lume ao Barbanza. Dende a pasada noite un incendio queima os montes de Mosquete, en Boiro. Atinxe a unhas 20 hectáreas, segundo Medio Rural. Acontece despois de que o incendio de Dodro e Rianxo ficase extinguido.
Ana Peleteiro: "Vas polo mundo e todos falan o seu idioma; se eu teño o meu idioma, por que vou cambiar o meu idioma, o meu acento, as miñas raíces?". A ribeirense, campioa de Europa de triplo salto explicou deste xeito na TVG a súa defensa do uso normal da lingua galega: "Galicia e o galego son as miñas raíces".
A Xunta aproba a súa oferta de emprego público de 2019. Inclúe 1.543 prazas de acceso libre, 227 de promoción interna e 847 de funcionarización de persoal laboral fixo. A convocatoria de ofertas de emprego de anos anteriores acumulou un importante atraso.
Enfrontamentos entre policía e manifestantes na mobilización de persoal de Alcoa e de Ferroatlántica ás portas do Congreso, onde foi detido un manifestante. Os deputados galegos Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez viviron momentos de tensión con algún axente.
A Xunta Electoral de Ourense pide a En Marea presentar avais para poder concorrer ás xerais do 28A ao estimar que a formación non pode considerarse herdeira electoral da coalición de Anova, Podemos e EU que concorreu aos anteriores comicios baixo esta marca. A formación indica xa comezou a recollelos. Precisa algo menos de 400. O 2 de abril son proclamadas definitivamente as candidaturas.
A investigación do 'caso Villarejo' afirma que o roubo dun móbil con datos de Pablo Iglesias foi unha manobra da "organización criminal do Ministerio do Interior" para "extorsionalo e boicotear" un posible pacto de goberno do PSOE con Podemos en 2016. É unha información da Cadena SER.
Theresa May transmite ao seu partido que dimitirá tras a aprobación do seu plan para o Brexit no caso de que isto suceda. Non concreta en que prazos se produciría esa marcha, segundo están a informar diversos medios británicos.
A UE prohibirá os pratos, cubertos e palliñas de plástico dun só uso a partir do ano 2021. O Parlamento europeo aprobou este mércores a medida, que xa fora pactada polos ministros de todos os países membros. A Xunta anunciou o mes pasado a aprobación dunha nova Lei de Residuos que aplicará estas disposicións.
Carlos Blanco recibirá o Premio Pedigree na edición 2019 do Festival de Cans. A organización do certame, que se celebra do 22 ao 25 de maio, fixo públicos hoxe todos os seus galardóns honoríficos deste ano.