Morre unha muller no incendio da súa casa en Oroso o mesmo día no que ía ser desafiuzada. A Garda Civil investiga se o fillo, que está ferido grave, foi quen provocou o lume.
Fálase
Sanidade anuncia que o luns A Pobra do Caramiñal e Mos deixarán de ter peche perimetral pola COVID, os dous últimos que quedaban en Galicia. A partir das cero horas do luns día 7 eses dous concellos que estaban en nivel máximo pasarán ao nivel alto de restricións, no que tamén están Ordes e Viveiro. Á espera de que o DOG concrete as restricións para o luns 7, ás cero horas deste sábado 5 entran en vigor novas restricións noutros concellos acordadas o pasado martes. [Imaxe: A Pobra do Caramiñal, CC-BY-SA Praza Pública].
- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta pola COVID-19 dende o sábado, 5 de xuño
24 concellos membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade únense este sábado ás 23 horas ao “apagón” da iluminación de edificios públicos para concienciar contra o cambio climático.
Xunta e Goberno de España acordan un "adiamento estratéxico" da presentación da candidatura da Ribeira Sacra ante a UNESCO para ser declarada Patrimonio da Humanidade. Así o confirmaron tras unha reunión en París do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, co embaixador de España ante a UNESCO, Andrés Perelló. Ambos admiten "severas discrepancias" co informe realizado por Icomos, organismo asesor da UNESCO, que entre outros aspectos pon o foco no impacto dos encoros neste territorio. Recólleo Cultura Galega
O pleno da Coruña aproba definitivamente a ordenanza municipal de uso do galego cos votos a prol do grupo de goberno (PSdeG), Marea Atlántica, BNG e a edil non adscrita (Podemos). O PP votou en contra.
Falece aos 69 anos Isaura Abelairas, deputada do PSdeG no Parlamento. Padecía un cancro dende hai catro anos. Abelairas, mestra de profesión, desenvolveu a súa traxectoria profesional no CEIP vigués Emilia Pardo Bazán (1993-2007) e exerceu como concelleira no Concello de Vigo e deputada provincial. "Sempre socialista e feminista, optimista e loitadora ata o último momento. Defensora das causas xustas, da igualdade, da educación pública", destaca o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.
Os ósos humanos aparecidos nunha parcela propiedade do Concello no barrio compostelán de Salgueiriños proceden das obras de reparación do muro do parque de San Domingos de Bonaval, antigo cemiterio da cidade, que esborrallou durante o temporal de finais de 2019 (na imaxe). Segundo o goberno local, "os entullos depositáronse nese predio por se nun futuro fosen de interese para investigación", se ben unha vez achados en Salgueiriños, "o forense de garda" considerou que non teñen "transcendencia legal" e que " tanto estes como os que se vaian atopando, se trasladen ao depósito do cemiterio municipal". Na imaxe, parte do muro derrubado.
O Ministerio de Sanidade aproba restricións comúns á hostalería en toda España ata inmunizar o 70% da poboación. Os bares deixarán de servir ás 12 e pecharán á 1 da madrugada e o ocio nocturno abrirá ata as 2.
O Tribunal de Xustiza da UE paraliza provisionalmente o levantamento da inmunidade parlamentaria do ex-presidente catalán Carles Puigdemont e dos ex-conselleiros da Generalitat Toni Comín e Carla Ponsatí. O Tribunal suspende cautelarmente a decisión tomada polo Parlamento Europeo o pasado marzo mentres a propia Eurocámara non presenta as súas alegacións. Cando o faga, detalla nun comunicado oficial, "adoptarase un auto definitivo" ao respecto.
Feijóo xustifica cunha viaxe “internacional” a súa ausencia da manifestación contra os posibles indultos aos independentistas cataláns que se celebrará o domingo día 13 na madrileña Praza de Colón. O presidente da Xunta considera que “as sociedades democráticas se expresan democraticamente nas rúas” e que “hai razóns poderosas para protestar” contra o Goberno de Pedro Sánchez. Na manifestación da dereita contra Sánchez no mesmo lugar en febreiro de 2019 Feijóo mudara a súa axenda para regresar antes doutra viaxe a Miami e chegar a tempo de unirse á marcha.