O Tribunal de Xustiza da UE paraliza provisionalmente o levantamento da inmunidade parlamentaria do ex-presidente catalán Carles Puigdemont e dos ex-conselleiros da Generalitat Toni Comín e Carla Ponsatí. O Tribunal suspende cautelarmente a decisión tomada polo Parlamento Europeo o pasado marzo mentres a propia Eurocámara non presenta as súas alegacións. Cando o faga, detalla nun comunicado oficial, "adoptarase un auto definitivo" ao respecto.
Fálase
Feijóo xustifica cunha viaxe “internacional” a súa ausencia da manifestación contra os posibles indultos aos independentistas cataláns que se celebrará o domingo día 13 na madrileña Praza de Colón. O presidente da Xunta considera que “as sociedades democráticas se expresan democraticamente nas rúas” e que “hai razóns poderosas para protestar” contra o Goberno de Pedro Sánchez. Na manifestación da dereita contra Sánchez no mesmo lugar en febreiro de 2019 Feijóo mudara a súa axenda para regresar antes doutra viaxe a Miami e chegar a tempo de unirse á marcha.
📺VÍDEO | Que almorzan os Verto para faceren esa música pop que está a conquistar públicos novos dentro e fóra de Galicia? A resposta, neste almorzo con Deleite en VINTE
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego galegas descenderon durante o mes de maio en 5.472 e quedan en 165.306, o que supón 25.776 menos que hai un ano. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 8.534 persoas e sitouse en 1,01 millóns, 34.134 (+3,5%) máis que doce meses antes. A análise dos datos, hoxe en Praza.gal
A Pobra do Caramiñal (na imaxe, CC-BY-SA Praza Pública) e Mos manteñen o seu peche perimetral. Os municipios de Ordes e Viveiro quedan no nivel alto de restricións. Son as últimas decisións do comité clínico que asesora á Xunta coa pandemia, que levanta o nivel máximo de restricións en Lobios, que agora fica en nivel medio xunto aos concellos de Moraña, Ponteareas, Cenlle, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Boiro, Oroso, Xove, Vilalba e Monforte de Lemos.
As novas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 5 de xuño.
- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta pola COVID-19 dende o sábado, 5 de xuño
INTERACTIVO | 90 casos novos da COVID-19 e case 20.000 novas doses de vacinas. Consulta no noso panel de control os últimos datos da evolución da pandemia en Galicia
Ana Pontón defende ante a comisaria europea de Cohesión, a socialista Elisa Ferreira, a xestión "descentralizada" dos fondos da UE para a recuperación tras a COVID e a necesidade de que incidan "na economía real, integrada polos sectores produtivos e as PEMES". Ferreira recibiu en Bruxelas á portavoz nacional do BNG e á voceira da formación ante as institucións comunitarias, a futura eurodeputada Ana Miranda. A líder do Bloque subliñou tamén ante Ferreira a necesidade de "compensar a Galiza na transición enerxética". (Foto: Delmi Álvarez)
Feijóo ratifica que volve aspirar á reelección na presidencia do PP de Galicia como paso previo a recuncar no posto no congreso que o partido celebrará o vindeiro xullo en Pontevedra. No caso de completar mandato, ata 2024, o actual presidente da Xunta dirixiría o PPdeG durante máis anos que Manuel Fraga, que o encabezou dende a refundación de AP en 1989 ata xaneiro de 2006, cando o remudou Feijóo.
Medio Ambiente lembra que "un arroaz solitario non é unha mascota, polo que se recomenda non establecer contacto, absterse de darlle comida e respectar as súas áreas de descanso". Ante o "episodio" rexistrado en días pasados na ría de Muros e Noia, a Consellería subliña que cómpre "non ofrecerlle nunca comida, non meterse intencionadamente na auga ao seu carón, nin entrar deliberadamente no seu radio de contacto. No caso de estar na auga, débese evitar tocalo ou aproximarlle as mans", agrega. (Imaxe CC BY-SA Xunta)
Feijóo non confirma polo momento se volverá participar na protesta de PP, Vox e Ciudadanos contra o Goberno de Pedro Sánchez na madrileña Praza de Colón, convocada neste caso para rexeitar eventuais indultos a líderes independentistas cataláns. Segundo o presidente da Xunta e do PP en Galicia, que secundou a mobilización de febreiro de 2019 no mesmo lugar, "isto non vai de dereitas nin de esquerdas" e pregúntase se o Goberno de España vai "facer un indulto cada semana" porque, ao seu xuízo, os líderes soberanistas cometen "un delito continuado". (Na imaxe -© PP-, Feijóo na manifestación de febreiro de 2019)