Diversas localidades galegas súmanse ao aplauso dende as casas ao persoal da sanidade pública polo seu labor na crise do coronavirus, unha iniciativa impulsada dende as redes sociais nas últimas horas. Nas imaxes, a contorna de Labañou e os 'Rosales', na Coruña.
Fálase
O Concello de Sanxenxo pecha as praias do municipio ante a gran afluencia de visitantes dos últimos días ao fío da crise do coronavirus. Recólleo Pontevedra Viva.
Falece en Vigo unha muller nonaxenaria que permanecía hospitalizada "con múltiples patoloxías" e afectada polo coronavirus, confirma a Xunta. Neste espazo actualizamos, con información do Sergas, os datos de persoas afectadas pola doenza en Galicia
Así soa o adianto do novo disco de Caxade, Lesmas Secas. Na súa web, máis información e vídeos.
Todos os bares, restaurantes e cafetarías de Galicia deberán permanecer pechadas ao público por orde da Xunta, pero poderán seguir prestando servizos de envío a domicilio ou de recollida no local. Aquí ampliamos a información
A Xunta declara a situación de emerxencia sanitaria en Galicia, que pode implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos e das modificacións orzamentarias necesarias. Toda a coordinación queda baixo o mando de Núñez Feijóo. Toda a información, este serán en Praza.gal
Son xa 112 os casos de coronavirus rexistrados en Galicia, segundo a última actualización ofrecida polo Sergas. 45 son da área da Coruña, 20 da de Vigo, 14 da de Ourense, 12 da de Santiago, 11 da de Pontevedra, 6 da de Lugo e 4 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 7 permanecen en UCI, 32 están en unidades de hospitalización e 73 no domicilio. Este venres producíronse as 3 primeiras altas, todas na Coruña. Ampliamos a información neste espazo
A Xunta de Confrarías de Lugo anuncia a decisión de "suspender todos os actos e procesións da Semana Santa 2020" por "responsabilidade" para "salvagardar a saúde" xeral ante o coronavirus. En Santiago, a Xunta de Confrarías adía os actos previstos para os días 27 e 28 e polo momento, "continúa con normalidade os preparativos" das procesións, indica nun comunicado.
O Sergas concentra nun único sitio web toda a información sobre o coronavirus. Pódese acceder nesta ligazón
O BNG aposta por adiar as eleccións por mor do coronavirus. "Non se dan as garantías para desenvolvelas con normalidade", di Ana Pontón nunha rolda de prensa tamén retransmitida por streaming para evitar o desprazamento do persoal dos medios. "Así o trasladarei na xuntanza do luns" co resto de forzas políticas, avanza a candidata do Bloque. Máis información, hoxe en Praza.gal