Dimite o alcalde de Dozón, Adolfo Campos (PP), aos 85 anos de idade e tras 33 como rexedor do municipio. Campos alega razóns médicas. O tenente de alcalde do concello é o seu fillo. (Imaxe: Concello de Dozón)
Fálase
A Deputación de Lugo suspende as visitas ás súas residencias de maiores de Ribadeo e Trabada "como medida preventiva" polo brote de coronavirus da Mariña e as persoas que residen neles non poderán saír ao exterior. A institución informa ademais de que os centros da Fonsagrada e Pol volven á fase 1 do seu desconfinamento, "con restricións no acceso de persoas alleas ao centro e protocolos de seguridade máis estritos".
O Goberno central acorda con sindicatos e patronal ampliar os ERTE ata o 30 de setembro. Empresarios e centrais dan o visto e prace á última proposta do Executivo, que permite manter os expedientes por forza maior sobre a totalidade do persoal.
Portugal decreta a volta ao confinamento de 19 das 24 freguesías de Lisboa, tal e como adiantara o xornal Público. A cidadanía destas zonas só poderá saír a rúa para actividades esenciais. Por cuarto día seguido, Portugal rexistra máis contaxios (311) que recuperacións, o 77% na rexión da capital.
12X | Galicia en Común denuncia ante a Xunta Electoral ao Goberno galego e ao PP "por infrinxir de forma clara, flagrante, reiterada e maliciosa" a lei electoral coa campaña publicitaria 'Galicia volve' e co anuncio do bono de 250 euros para que persoal sanitario e de servizos sociais faga gasto na hostalaría. Ambas accións, coida Antón Gómez-Reino, foron lanzadas "con afán partidista, procurando o beneficio para o PP" con recursos "que son de todos".
Efectivos de emerxencias do Concello de Brión buscan dende as 6 da mañá un touro fuxido dunha corte na parroquia de Bastavales. "Membros do GES e do Concello de Brión están a rastrexar a zona na busca do animal", informa o consistorio.
O Parador da Costa da Morte, en Muxía, prometido tras o Prestige, abre ao público este xoves co 100% reservado para xullo e agosto con tarifas de 200 euros a noite sen almorzo.
Alcoa segue adiante co ERE en San Cibrao e rexeita o plan de viabilidade a dez anos proposto polo Ministerio de Industria. Este xoves iniciarase o proceso de negociación para o despedimento colectivo de 543 traballadores. O Comité de empresa convocou tamén para mañá unha concentración de protesta ante a Subdelegación do Goberno en Lugo
Coas obras aínda rematándose e como presidente da Xunta, non como candidato do PP, Feijóo visita a planta láctea de Curtis que anunciou tamén na precampaña de hai catro anos. Se daquela recibira aos directivos da empresa no despacho oficial de San Caetano, agora incluíu unha visita á planta na axenda oficial.
O Revenidas adía definitivamente a súa celebración ao verán do 2021 por mor do coronavirus. O festival de Vilaxoán de Arousa celebrarase os días 10, 11 e 12 de setembro do vindeiro ano. Con todo, este setembro terá lugar un "Revenidas en conserva", un formato reducido do festival con concertos e outras actividades ligadas á cultura mariñeira da zona. As entradas para o 2020 servirán para o 2021, pero se alguén quere solicitar a devolución do importe do seu abono, poderá facelo ao longo deste mes de xullo.