Aluvión de renuncias entre o persoal de Twitter tras o ultimato do seu novo propietario, o multimillonario Elon Musk, que continúa a mofarse da situación dende o seu perfil na rede social. Musk instara o persoal a aceptar condicións de traballo moito máis duras ou marchar.
Fálase
O Estado oficializa a achega de 2 millóns de euros dos fondos europeos para o proxecto Nós de incorporación do galego á intelixencia artificial tras a súa aprobación no último Consello de Ministros. O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, "agradece ao Goberno de España a súa achega crucial ao que, ata o momento, é o proxecto máis ambicioso da historia no ámbito da dixitalización da nosa lingua, para o que prevemos destinar 15,5 millóns de euros ao abeiro dos fondos europeos Next Generation".
A Xunta publicita a sinatura do seu primeiro “préstamo sustentable” co Banco Santander co que se endebeda ata 2034 por 230 millóns de euros. O Goberno galego non divulga máis condicións do préstamo á marxe de que os cartos irán destinados a “investimentos sociais e ambientais vinculados tamén á Axenda 2030”. Sen ter en conta este préstamo, a débeda pública da Xunta achégase xa aos 12.000 millóns de euros.
A Xunta dará ata tres horas para reparar os equipos de videconferencias e gravación de declaracións nos xulgados. O Goberno galego licita o servizo técnico dos equipos multimedia dos xulgados galegos, que adoitan rexistrar múltiples incidencias que demoran trámites procesuais. As condicións do contrato, de medio millón de euros por dous anos, obrigan á empresa a que as incidencias que deixen fóra de servizo un sistema se resolvan en menos de tres horas se non implican substituír materiais e de sete se hai que facelo. Outro tipo de incidencias deberán resolverse en sete horas se non hai que substituír materiais ou 24 horas se hai que facelo.
A OTAN atribúe os dous mísiles caídos en Polonia ás defensas aéreas da Ucraína. O secretario xeral da organización, Jens Stoltenberg, sinala que esa é a conclusión das súas "análises preliminares" e agrega que non se trata dun ataque premeditado. O Goberno dos EUA tamén apunta a Ucraína e non a Rusia como orixe dos mísiles, que mataron dúas persoas. [Imaxe: © OTAN]
Continúan as pescudas sobre a orixe de dous mísiles caídos nunha aldea fronteiriza coa Ucraína en territorio de Polonia, membro da UE e da OTAN, onde mataron dúas persoas O presidente dos EUA, Joe Biden, apunta a que pode tratarse de foguetes antiaéreos ucraínos e ve "pouco probable", pola súa traxectoria que fosen lanzados por Rusia. Líderes de gobernos do G20 abordaron a situación durante a cimeira que se desenvolve en Bali (na imaxe, difundida nos perfís oficiais de Pedro Sánchez nas redes sociais, durante unha conversa informal con Biden, Scholz, Sunak e Macron).
A plataforma de transportistas que convocara un novo paro indefinido suspéndeo ao segundo día polo seu escaso seguimento e tras non lograr que o secundase ningunha das organizacións representativas do sector. Esta organización ten a sede social nunha área de servizo de Baamonde e existe hai máis dunha década, pero foi case descoñecida para a opinión pública ata principios deste ano, baixo a denominación Plataforma Nacional. Na imaxe, de arquivo, unha protesta do sector do transporte.
A Coruña e Oleiros acordan estudar "a viabilidade" de crear rutas marítimas para mellorar a conectividade entre os dous concellos e axudar "a desconxestionar e aliviar o tráfico rodado na comarca". Nunha xuntanza, Inés Rey e Ángel García Seoane valoraron a opción de poñer en marcha durante todo o ano as liñas A Coruña-Mera e A Coruña-Santa Cristina, á que se podería unir unha terceira entre A Coruña e Santa Cruz.
A poboación mundial acaba de superar a cifra de 8.000 millóns de persoas, segundo os cálculos da ONU. Aínda que o ritmo de crecemento se moderou nos últimos anos, espérase que se chegue aos 9.000 millóns no 2037 e aos 10.000 millóns no 2058. Case o 60% da humanidade vive en Asia e o 17% en África e unicamente o 14% en Europa e América do Norte.
ÍNDICE DE PREZOS AO CONSUMO | A inflación segue a moderarse polo freo nos prezos da luz e do gas e quedou no 7,8% interanual en Galicia o pasado outubro, cinco décimas por riba da media estatal. Este dato rexístrase aínda que o prezo dos alimentos segue á alza, cunha suba interanual do 15% en Galicia (un punto e medio máis que un mes antes) e do 15,8% na media estatal (un punto máis). Máis información, hoxe en Praza.gal.