Continúan as pescudas sobre a orixe de dous mísiles caídos nunha aldea fronteiriza coa Ucraína en territorio de Polonia, membro da UE e da OTAN, onde mataron dúas persoas O presidente dos EUA, Joe Biden, apunta a que pode tratarse de foguetes antiaéreos ucraínos e ve "pouco probable", pola súa traxectoria que fosen lanzados por Rusia. Líderes de gobernos do G20 abordaron a situación durante a cimeira que se desenvolve en Bali (na imaxe, difundida nos perfís oficiais de Pedro Sánchez nas redes sociais, durante unha conversa informal con Biden, Scholz, Sunak e Macron).
Fálase
A plataforma de transportistas que convocara un novo paro indefinido suspéndeo ao segundo día polo seu escaso seguimento e tras non lograr que o secundase ningunha das organizacións representativas do sector. Esta organización ten a sede social nunha área de servizo de Baamonde e existe hai máis dunha década, pero foi case descoñecida para a opinión pública ata principios deste ano, baixo a denominación Plataforma Nacional. Na imaxe, de arquivo, unha protesta do sector do transporte.
A Coruña e Oleiros acordan estudar "a viabilidade" de crear rutas marítimas para mellorar a conectividade entre os dous concellos e axudar "a desconxestionar e aliviar o tráfico rodado na comarca". Nunha xuntanza, Inés Rey e Ángel García Seoane valoraron a opción de poñer en marcha durante todo o ano as liñas A Coruña-Mera e A Coruña-Santa Cristina, á que se podería unir unha terceira entre A Coruña e Santa Cruz.
A poboación mundial acaba de superar a cifra de 8.000 millóns de persoas, segundo os cálculos da ONU. Aínda que o ritmo de crecemento se moderou nos últimos anos, espérase que se chegue aos 9.000 millóns no 2037 e aos 10.000 millóns no 2058. Case o 60% da humanidade vive en Asia e o 17% en África e unicamente o 14% en Europa e América do Norte.
ÍNDICE DE PREZOS AO CONSUMO | A inflación segue a moderarse polo freo nos prezos da luz e do gas e quedou no 7,8% interanual en Galicia o pasado outubro, cinco décimas por riba da media estatal. Este dato rexístrase aínda que o prezo dos alimentos segue á alza, cunha suba interanual do 15% en Galicia (un punto e medio máis que un mes antes) e do 15,8% na media estatal (un punto máis). Máis información, hoxe en Praza.gal.
O Estado recorre ante o Tribunal de Xustiza da UE a prohibición da pesca de fondo aplicada pola Comisión Europea entre 400 e 800 metros en 87 áreas do Atlántico. O Goberno de España alega "deficiencias de fondo e forma" na prohibición, con alegacións como que a medida "é desproporcionada" e "non considerou os posibles impactos sobre a frota pesqueira". "Vulnera -defende o Goberno español- os principios da Política Pesqueira Común de buscar un equilibrio entre a protección da biodiversidade mariña e o mantemento da pesca sostible. [Imaxe: © Oceana]
A Xunta detecta en Cerceda dúas gaivotas patiamarelas con gripe aviaria. Os animais foron achados na contorna do encoro de Vilagudín, segundo informa o Goberno galego, que sinala que con este foco son "22 o total dos reportados dende Galicia". A Xunta, que lembra que no total do Estado "constan notificados 133 casos en aves silvestres" no que vai de ano, subliña que "o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas", se ben "por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas". Estas gaivotas foron trasladadas ao Centro de Recuperación da Fauna Silvestre de Oleiros. Na imaxe, de arquivo, varias gaivotas patiamarelas [© CEIDA]
- HEMEROTECA (2019) | O número de gaivotas en Galicia descendeu máis dun 30% nos últimos anos
A Man de Irulegi, do século I, revélase como o testemuño escrito máis antigo en lingua vascónica. A información este "excepcional achado", no sitio web da navarra Sociedade de Ciencias Aranzadi, que o presentou este luns. [Imaxe: SC Aranzadi]
O PP propicia unha votación por vía de urxencia no Parlamento de Galicia contra a reforma do delito de sedición que impulsan o PSOE e Unidas Podemos no Congreso. Os populares, que prevén iniciativas semellantes nos concellos, xustifican a iniciativa afirmando que "esta decisión non é digna no contexto da España democrática que vivimos", afirmou este luns o seu vicevoceiro parlamentario, Alberto Pazos.
- HEMEROTECA | O PP reorienta a pregunta no Parlamento sobre a “república independente en Galicia” a unha declaración “urxente” de apoio á Constitución
- HEMEROTECA | Pontón reúnese con Aragonès e propón unha "cooperación intelixente" entre Galicia e Catalunya fronte á "confrontación"
- HEMEROTECA | PSdeG e PSC defenden o federalismo nunha "España plural"
Decenas de miles de persoas maniféstanse en Madrid en defensa da sanidade pública e contra a xestión do Goberno autonómico presidido por Isabel Ayuso. A Delegación do Goberno cifra en 200.000 (os organizadores en 670.000) o número de participantes na protesta que, organizada en catro columnas, confluíu na praza de Cibeles.