As enquisas a pé de urna apuntan a un empate técnico entre socialdemócratas e democristiáns na pugna por seren a forza máis votada nas eleccións federais alemás, das que sairá o substituto de Angela Merkel na chancelaría. Nesta ligazón pódense seguir as sondaxes e os resultados e nestoutra pódese consultar o sitio web oficial dos comicios.
Fálase
A partida de xadrez entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o histórico xogador Anatoli Kárpov finaliza en táboas. Celebrouse este sábado, no marco do torneo Travesía Vigo Master Chess. Imaxe divulgada na conta oficial do rexedor vigués.
Gonzalo Caballero confirma que o PSdeG celebrará as primarias á secretaría xeral o 30 de outubro e o XIV Congreso Nacional, o 7 e 8 de decembro. O actual secretario xeral e aspirante á reelección, na súa intervención ante o Comité Nacional celebrado este venres, pediu "impulso" á militancia e ofreceu "integración" a todo o partido. Resta saber se terá que competir con algunha outra candidatura, mentres diversas fontes apuntan á posibilidade de que esa alternativa a encabece o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. [Imaxe: CC-BN-NC-SA PSdeG]
Carles Puigdemont queda en liberdade e finalmente sen medidas cautelares, á espera de comparecer ante o tribunal italiano que decidirá sobre se continúa ou non a súa extradición a España, que reclama o Tribunal Supremo. O ex-presidente catalán foi detido en Sardeña a pasada noite e compareceu hoxe ante o tribunal de apelacións. Durante a mañá, diversas localidades catalás acolleron mobilizacións reclamando a posta en liberdade de Puigdemont.
Cargas policiais en Santiago á saída da discoteca Ruta. Axentes da Polícía Local e da Nacional cargaron contra mozos que se aglomeraban ás portas. O Concello recoñece "cargas puntuais" e ante o lanzamento de obxectos por parte dalgunhas persoas. Foto: Google.
O Parlamento relaxa as restricións pola COVID e recupera a posibilidade de que asistan aos plenos os seus 75 membros. O hemiciclo adopta a norma do 75% de ocupación máxima, que rexe dende mañá en boa parte das actividades públicas, polo que só poderán estar nese espazo 134 persoas ao mesmo tempo -o máximo son 230-. Eses axustes implican que, alén do persoal da Cámara, na tribuna do público poida haber 39 persoas -ten capacidade para 110- e na de prensa, ata 15 xornalistas -a capacidade é de 20-. [Imaxe: © Parlamento de Galicia]
Carles Puigdemont vén de ser detido en Sardeña, arrestado polas autoridades italianas seguindo a orde de busca internacional emitida polo Tribunal Supremo. O ex-presidente catalán atopábase no aeroporto de Alguer e ía acudir este venres a unha asemblea de alcaldes e concelleiros independentistas sardos
Alu Ibérica solicita concurso de acredores para evitar a quebra. O administrador xudicial das antigas fábricas de Alcoa pretende protexer o patrimonio da empresa ante posibles embargos.
Portugal anuncia que a pandemia entra na fase da "responsabilidade individual" desde o vindeiro 1 de outubro, di adeus ás limitacións de capacidade dos recintos e reduce o uso da máscara.
A psiquiatra Iria Veiga e o xenetista Ánxel Carracedo protagonizan o derradeiro vídeo da serie 'Novas Voces para a lingua', que nos últimos meses realizaron a Real Academia Galega e a USC co obxectivo de darlle voz á mocidade con talento que vive e crea en galego. No vídeo, os dous médicos e divulgadores subliñan a "alegría de descubrir en galego".