Máis incendios na provincia de Ourense. O de Rubiá, que afecta ao parque da Serra da Enciña da Lastra e que ata esta mañá xa queimara unhas 40 hectáreas, únense cando menos outros dous en Canibelos e Untes (Ourense). Polo momento, a Xunta informa dun só incendio en Ourense superior ás 20 hectáreas. Imaxe tomada por bombeiros forestais da Brif Laza, que participan nos traballos de extinción.
Fálase
A asemblea xeral de Caixa Rural Galega aproba as súas contas de 2019 cuns beneficios de 5,5 millóns de euros, uns depósitos de "case 100.000 millóns de euros" e créditos por algo máis de 550 millóns. A asemblea reelixiu como presidente da cooperativa con sede en Lugo a Manuel Varela, na imaxe (á dereita) xunto ao director xeral, Jesús Méndez. A entidade mantense "optimista" para seguir medrando en 2020 malia á crise do coronavirus, que "fai presaxiar tempos máis complexos", indica.
A Fundación Luzes analiza este sábado os resultados electorais do 12X coa participación de Anxo Lugilde, David Rodríguez, Fran M. Hidalgo, María Obelleiro e Virginia P. Alonso. O encontro está moderado por Ana Luísa Bouza e pódese seguir ao vivo no Facebook de Luzes e mais na súa canle de Youtube.
O pregón do xornalista Luís Pardo abriu na noite do venres as Festas do Apóstolo de Santiago, cos actos marcados polas medidas de seguridade fronte ao coronavirus. O pregoeiro estivo acompañado nos balcóns de Raxoi por Eli Dosil, enfermeira do 061, e polo escritor Xosé Antonio Perozo, que superou a covid-19. Na imaxe, xunto co alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e o edil de Festas, Gonzalo Muíños.
Un incendio forestal en Pardollán (Rubiá) afecta ao parque natural da Serra da Enciña da Lastra e queimou xa cando menos 35 hectáreas. Na imaxe, labores de extinción do lume tomadas dende un avión do Exército do Aire. Medio Rural indica tamén a existencia doutro incendio en Lousame, dunhas 20 hectáreas. Como cada verán dende 2009, a Xunta non informa de todos os incendios forestais, senón só dos que superan as 20 hectáreas ou afectan a zonas habitadas ou áreas protexidas.
Suspendida a feira taurina de Pontevedra. O promotor das touradas da Peregrina alega que as medidas para evitar contaxios do coronavirus impiden a súa celebración. Cóntao Pontevedra Viva (Imaxe: CC BY-SA Juan Mejuto)
A Xunta concede a Medalla de Ouro de Galicia "ao persoal implicado na atención dos pacientes con coronavirus" no sistema sanitario e centros de maiores e dependentes. Na imaxe, unha traballadora do hospital de Ourense encargada de realizar test da covid-19.
A Xunta anuncia unha ampliación da obrigatoriedade do uso da máscara para previr contaxios do coronavirus como norma xeral en espazos abertos e pechados aínda que haxa distancia de seguridade. Esa obrigatoriedade non rexerá para persoas que convivan entre si ou espazos como as praias no momento do baño. A norma aínda non está pechada, segundo avanzou Feijóo tras a reunión do Consello. A entrada en vigor será "inmediata". Ampliamos a información neste espazo
Xabón e papel, entre os requirimentos para os servizos das estacións de autobuses que fixa o protocolo de desinfección fronte ao coronavirus que vén de facer público o Ministerio de Transportes.
Portugal facilita o pagamento por internet das súas autovías de peaxe. Segundo informa o Eixo Atlántico, a web oficial portugaltolls.com xa permite relacionar durante un mes unha tarxeta de crédito cunha matrícula dun vehículo estranxeiro sen ter que facelo fisicamente en gasolineiras ou oficinas de correos. Seguen estando dispoñibles outros sistemas de pagamento como a telepeaxe cos mesmos dispositivos existentes en Galicia.