Stellantis Vigo suspende a quenda de fin de semana de furgonetas e monovolumes pola falta de microchips

Stellantis Vigo suspende a quenda de fin de semana de furgonetas e monovolumes pola falta de microchips
Varios barrios de Santiago e os concellos de Ames e Brión, afectados por cortes de auga debido a unha vertedura no río Tambre.
Morre aos 81 anos Jorge Sampaio, presidente de Portugal entre 1996 e 2006 e último socialista ata o momento en ostentar a xefatura do Estado no país veciño. Sampaio recibiu a Medalla de Ouro de Galicia en 1996. Na imaxe, fotografía difundida polo Partido Socialista para expresar as súas condolencias polo pasamento de quen tamén foi o seu secretario xeral e alcalde de Lisboa.
A Audiencia da Coruña resolve manter en prisión provisional a un dos acusados do asasinato de Samuel Luiz. O tribunal rexeita o recurso que interpuxo por apreciar risco de fuga "debido á petición de pena de cárcere á que se pode enfrontar" e de "alteración de fontes de proba". Consideran, ademais, que este acusado compareceu inicialmente de maneira voluntaria ante a Policía como "estratexia procesual", máis que por "intención de colaborar", xa que "a súa identidade xa fora descuberta" e "non entregou aos axentes o teléfono móbil da vítima", co que quedara.
A canción 'Figa', de Tanxugueiras, foi a máis votada na elección interna realizada pola web de fans de Eurovisión 'eurovision-spain.com' e sitúase como a súa favorita para representar a España na próxima edición do festival. O tema fala da caza de bruxas sufrida polas mulleres durante séculos. En todo caso, a canción finalmente escollida sairá do Festival de Benidorm, que se celebrará dentro duns meses. A través da súa conta de Twitter, a banda agradeceu os apoios recibidos: "Que viva o galego, a diversidade, as mulleres e a música!"
A contaminación provocada polos incendios forestais causa máis de 230 mortes ao ano no Estado Español. Así o revela un estudo internacional que veu a luz este mércores en The Lancet Planetary Health e no que toma parte o investigador da USC Dominic Royé. O traballo evidencia que a exposición a curto prazo ás partículas do aire que teñen un diámetro de 2,5 micrómetros e que xorden como consecuencia dos incendios forestais teñen un impacto directo na mortalidade, especialmente na causada por afeccións respiratorias e cardiovasculares.
O Sergas abrirá o sábado, día 11, os centros de vacinación masiva da COVID para que calquera persoa de 12 ou máis anos que non recibise aínda a primeira dose poida acudir "sen cita previa". Así o vén de avanzar o presidente da Xunta, que especifica que os días 13 e 14 serán habilitados puntos de vacinación nos sete campus do país.
Galicia quedará o sábado sen concellos en nivel máximo de restricións da Xunta pola COVID. O Goberno galego sitúa Melide, Monforte, Curtis, A Pobra de Trives e Viana do Bolo no nivel alto, outros 16 municipios no medio -entre eles, a cidade de Lugo- e os restantes, no baixo. Estas mudanzas prodúcense en vésperas da aprobación do novo protocolo para a hostalería, do que se prevén máis detalles na comparecencia pública que realizará Feijóo este mediodía.
A veciñanza de Redondela escollerá a través da rede os dous festivos locais para o ano 2022. O Concello habilita un espazo dixital a través do que a cidadanía residente na localidade poderá votar ata o 20 de setembro entre catro opcións: o 1 de marzo (Martes de Entroido), o 17 de abril (Luns do Cristo), o 16 de xuño (Xoves da Coca) e o 24 de xuño (San Xoán).
O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle este xoves a gala dos XXV Premios de Teatro María Casares, que será retransmitida a través de Youtube a partir das 20 horas. Paula Carballeira e Chiqui Pereira dirixirán "unha gala interxeracional contra as distopías" que busca revindicar "a resistencia das artes escénicas". 13 espectáculos competirán polos galardóns