O TSXG ratifica a suspensión cautelar do funcionamento da Área Metropolitana de Vigo. Concello e Xunta xa daban por morto o novo ente tras enlearse nos xulgados polo intento mutuo de controlar o seu funcionamento e as súas competencias.

O TSXG ratifica a suspensión cautelar do funcionamento da Área Metropolitana de Vigo. Concello e Xunta xa daban por morto o novo ente tras enlearse nos xulgados polo intento mutuo de controlar o seu funcionamento e as súas competencias.
A Xunta volve adxudicar os seus helicópteros sanitarios tras comprobar elementos de seguridade que non revisara antes da primeira adxudicación. O tribunal administrativo de contratos paralizara o proceso porque o Goberno galego non comprobara previamente a titulación dos pilotos da empresa gañadora, Habock, presidida agora polo empresario que impulsara o crecemento en Galicia da anterior concesionaria, Inaer-Babcock, que deixa así o servizo do 061 pero segue a controlar o resto de helicópteros da Xunta en áreas como salvamento marítimo ou incendios.
Incautadas 2.000 vieiras que foran extraídas furtivamente na ría de Ferrol. Segundo informan a Unidade de Policía Adscrita á Xunta e os Gardacostas, a Operación Cuncha sáldase con 8 persoas detidas e 44 investigadas por "delitos contra a saúde pública e organización criminal". As vieiras, sen "ningunha medida hixiénico-sanitaria", eran transportadas a "distribuidores" nas Rías Baixas, que á súa vez "vendían o produto a establecementos públicos e particulares", indican.
O Consello de Ministros aproba este luns o proxecto orzamentario que o Goberno de Pedro Sánchez remitirá á Comisión Europea. O documento baséase no pacto asinado entre o Executivo e Unidos podemos a pasada semana.
Pablo Casado proclama que España é o único país que "pode dicir que un novo mundo foi descuberto por eles". O líder do PP agrega nun mitin en Andalucía que "a hispanidade" foi o "fito máis importante da humanidade" e reitera que España é a "nación máis antiga de Europa".
Miguel Santalices cre que "a Feijóo non lle queda máis remedio que volver presentarse" como candidato á presidencia da Xunta. "Temos por diante o Xacobeo e con iso non se pode xogar", di o presidente do Parlamento nunha entrevista en Radio Galicia.
O Breogán logra a súa primeira vitoria na ACB tras o seu regreso á máxima categoría. O equipo lucense venceu 86-79 o Estudiantes nun Pazo ateigado.
Gómez Noya remata undécimo na súa estrea no Ironman de Hawaii. O triatleta galego declárase "decepcionado" tras non facer "a carreira soñada" nunha proba na que Iván Rarña finalizou 25º.
O furacán Leslie deixa importantes danos materiais e centos de miles de persoas sen luz en Portugal e importantes chuvias e refachos de vento en Galicia, onde as temperaturas baixaron 10º en poucas horas.
Atalaya Mining, impulsora da reapertura da mina de Touro, busca comprador, segundo anuncia Reuters. A anulación do permiso ambiental en Riotinto, principal proxecto da empresa, lastra tamén os seus plans en Galicia.