Un grupo de investigación galego descobre "unha mutación clave" para tratar o cancro. GCiencia debulla os resultados das pescudas deste grupo da Universidade de Santiago, integrado no consorcio internacional Pan-Cancer. (Imaxe: USC)
Fálase
Íñigo Urkullu abre a porta a que as eleccións vascas se celebren en abril. O intervalo que manexa o lehendakari vai do 5 de abril e chega ata o 25 de outubro, evidenciou o mandatario vasco a respecto da data límite, a mesma que a galega. Non o desvelará en calquera caso ata marzo, asegura, cando conclúe a elección de candidaturas do PNV. As eleccións en Galicia e Euskadi celebráronse ao mesmo tempo en 2009, 2012 e 2016. En 2005, as vascas foron o 17 de abril e as galegas, o 19 de xuño.
Ciudadanos pide ao PP ser "xeneroso" e confluíren tamén nas eleccións galegas "para frear ao nacionalismo galego". Segundo a ex-deputada Beatriz Pino, voceira deste partido en Galicia, "a maioría absoluta de Feijóo está en perigo" e define como "risco real" que "se repita" un goberno de PSdeG e BNG.
O Ministerio de Consumo prevé restrinxir a publicidade de apostas en radio e televisión á franxa da 1 ás 5 da madrugada. Será parte dun Real Decreto que está a ultimar o departamento que dirixe Alberto Garzón, segundo informa eldiario.es
Benedicta Sánchez, homenaxeada en Lugo tras recibir o Goya á mellor actriz revelación por 'O que arde'. "Son a máis sorprendida por todo isto, mil grazas, sobrepásame todo isto", afirmou emocionada na homenaxe organizada pola Deputación de Lugo
O Consello de Ministros aproba por Real Decreto a suba do salario mínimo interprofesional a 950 euros. Tras a xuntanza semanal do Goberno central, a ministra de Facenda e voceira do gabinete, María Jesús Montero, confirmou que o seu departamento reunirá ás autonomías no Consello de Política Fiscal e Financeira o vindeiro venres. A Xunta foi un dos gobernos autonómicos que viña reclamando esa reunión.
Morre José Luis Cuerda, afincado no Ribeiro, onde producía viño, e autor entre outras películas das adaptacións ao cine de El bosque animado e A lingua das bolboretas. En 2015 o Festival de Cans homenaxeouno no Torreiro das Estrelas. En Amanece que no es poco fixo unha demostración do que é contixente e do que é necesario.
14 televisións, entre elas a TVG, imputadas por unha fraude a gran escala na emisión de música de madrugada. O sistema, coñecido no sector como “a roda”, consistía no presunto rexistro fraudulento de supostas modificacións de obras orixinais que non eran tales para cobrar dereitos de autor.
O Goberno vasco baralla un posible adianto electoral. Así o confirmou o Executivo que preside o lehendakari Urkullu tras a súa xuntanza deste martes. "Pediunos compartir unha reflexión sobre a situación política e institucional", sinala o voceiro do gabinete da coalición de PNV e PSE, Josu Erkoreka. Nas últimas tres convocatorias, as eleccións vascas e galegas celebráronse ao mesmo tempo: en 2009 o daquela lehendakari sumouse ao adianto galego e en 2012 e 2016, sucedeu á inversa. En 2005, Euskadi votou dous meses antes que Galicia.
- CRÓNICA | Eleccións en Galeuscat 2020
A Federación Galega de Fútbol negocia a volta da selección galega, tal e como adiantou o seu presidente, Rafael Louzán. O Paraguai ou Costa Rica son os posibles rivais dun equipo que non xoga desde maio de 2016 en categoría masculina e desde decembro dese mesmo ano en feminina.