Luís Cesar Sampedro, novo adestrador do primeiro equipo masculino do Deportivo da Coruña en substitución de Juan Antonio Anquela.

Luís Cesar Sampedro, novo adestrador do primeiro equipo masculino do Deportivo da Coruña en substitución de Juan Antonio Anquela.
O Deportivo da Coruña destitúe a Juan Antonio Anquela como adestrador do primeiro equipo masculino. Tras 10 partidos disputados o Dépor ocupa a vixésima posición na clasificación da Segunda, con só unha vitoria. (Imaxe: RC Deportivo)
O PP sitúa a alcaldesa de Marín, María Ramallo, como número 1 da súa lista ao Congreso nas xerais do 10N en substitución de Ana Pastor, que será a número dous de Pablo Casado por Madrid. A formación tamén confirma que recupera o ex-conselleiro Javier Guerra para ser candidato ao Senado por esta provincia.
Novas enquisas sitúan o PSOE en cabeza cara ás eleccións xerais do 10N e ao PP como o partido que máis medrará, recuperándose do forte devalo de abril. Segundo a de Sigma Dos para El Mundo, os socialistas medrarán levemente e o PP roldaría os 100, mentres que Podemos recuperaría a terceira praza. GAD3 para ABC augura un leve retroceso do PSOE e coincide no ascenso do PP. Sociométrica para El Español tamén prevé un PSOE estancado, un PP á alza e un triplo empate en terceira posición.
Acordo do BNG para incorporar membros de Compromiso por Galicia ás súas listas para as xerais do 10 de novembro. Ana Pontón e o secretario xeral de CxG, Juan Carlos Piñeiro, explican os detalles do pacto esta mañá en rolda de prensa. Consulta aquí toda a información
Co 90% do escrutinio, o socialista António Costa confirma a súa vitoria nas eleccións en Portugal co 37% dos votos, 5 puntos máis que hai catro anos e 7 puntos por diante de Rui Rio, o candidato do PPD/PSD. Non lograría a maioría absoluta de escanos e precisaría reeditar apoios como os que lle deron na pasada lexislatura o Bloco de Esquerda ou o Partido Comunista. (Aquí podes consultar o escrutinio oficial).
Este domingo celébranse en Portugal eleccións á Assembleia da República, co primeiro ministro, o socialista António Costa, como claro favorito a repetir no cargo pero segundo as enquisas aínda necesitado de acordos co Bloco de Esquerda e o Partido Comunista, como ata agora, ou mesmo cos animalistas do PAN.
Ana Peleteiro queda sexta, cun salto de 14,47 metros, na final de triplo salto do Mundial de Atletismo de Qatar que gañou a venezolana Yulimar Rojas con 15.37 metros. En marzo a atleta de Ribeira acadou o ouro no Campionato de Europa de pista cuberta cun salto de 14,73 metros, a súa mellor marca persoal.
A coreana Parásitos leva os premios á mellor película e guión no festival de cine de Ourense (OUFF) no que o colombo-ecuatoriano Alejandro Landes obtén o de mellor director por Monos, gañadora tamén da mellor interpretación, de Julianne Nicholson. O que arde, de Óliver Laxe, obtén o premio especial do xurado e o premio Galicia que concede a organización. Aquí podes consultar todo o palmarés. E nesta ampla reportaxe tes unha análise das 17 pezas proxectadas na sección OUFF en curto.
Albert Rivera di agora estar disposto a pactar co PSOE tras o 10N. O líder de Ciudadanos levanta o veto a Pedro Sánchez e ofrécelle acordos a cambio dun decálogo de reformas.